
Massanassa, Alfafar e Paiporta. Nestas tres localidades, gravemente afectadas pola DANA na Comunidade Valenciana, realizaban labores como voluntarios tres membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras ao longo de cinco días. Partían na madrugada do martes 5 de novembro, respondendo a unha chamada de voluntarios da Axencia Galega de Emerxencias, tras solicitarlle ao Concello do Barco o seu apoio para esta iniciativa solidaria, quen lles buscou aloxamento e aportou un vehículo municipal e material como bombas de achique. Estes efectivos do GES regresaban, tamén de madrugada o pasado sábado.
Foron días de moito traballo, con xornadas continuas que se iniciaban ás 8h. e remataban ás 19h., con apenas media hora para xantar rodeados polo barro, pero moi gratificantes no senso de que puideron axudar nunha situación de emerxencia extrema, que nunca viviran. “Alegrámonos de ter ido, porque ves a situación como é, e aportas un pouco de axuda. A palabra guerra é a que máis podería aproximarse a ao que vimos. As casas están enteiras, pero a visión é a dun escenario de guerra, desoladora, infraestruturas destruídas, vías a xente cos nenos movéndose cos carriños de supermercado, arrastrando a alimentos e lixivía, hai miles, miles de coches acumulados en todas partes… mesmo metidos nos negocios e empotrados un enriba do outro. Mirabas para unhas hortas que igual tiñan varios km e vías un coche nun lado, outro no outro…”, contan.
No seu traballo “iamos movéndonos segundo os mandos nos indicaban. Dende a Axencia Galega de Emerxencias dábanlle indicacións ao noso mando e, despois, e despois xa nos dirixían a todos”. Dependendo dos lugares, a altura da auga chegaba entre os 2 e os 3 metros de altura. “Na zona de Paiporta era a altura máis alta que vimos. Todos os baixos comerciais estaban inservibles, a forza d auga arrancou ata o aluminio das ventás, os peches das persianas dos negocios… De feito tamén estivemos retirando algún evitar que non correra perigo a xente”, explican.

Unha das áreas nas que traballaban era de chalés adosados e nela a xente estaba moi afectada. “Os chaés quedaron unidos porque a forza da corrente tiroulles todos os muros. A nós mobilizáronnos con dous voluntarios dalí, veciños, que eles mesmos tiñan dúas bombas propias”.
O seu labor consistíu, fundamentalmente, en realizar achiques de auga en garaxes e en “todo o que se puidera achicar. Ademais nos garaxes, aínda que xa estaba rastrexado, faciamos un segundo rastrexo por se acaso había algunha vítima alí. Tamén quitamos obxectos perigosos das casas, dos propios negocios que estaban destrozados, e balizamos para que non entrar a xente nos negocios”.
Ademais de participar en tarefas de emerxencia, os tres membros do GES Valdeorras tamén escoitaban a veciñanza, moi afectada e que aínda está intentando asimilar esta traxedia. “Tivemos que facer un pouco como psicólogos. O estado de ánimo da xente era moi baixo, lágrimas xa poucas tiñan, pero si había quen se che botaba a chorar, e mesmo algúns abrazábante. Tiñas que ir dándolles ánimos e a verdade é que fomos moi ben correspondidos, os veciños eran moi agracedidos, ofrecíanche continuamente cousas e mesmo os nenos nos regalaron un debuxo”, din. Debuxo que agora está colocado na base do GES Valdeorras no Barco.

Ademais ás persoas das localidades nas que traballaban chamáballes a atención que viñesen a axudalos dende tan lonxe. “A xente sorprendíalle, miraba para o coche e vía a bandeira de Galicia, e dicía: Mi madriña, vides dalá! Pero realmente había xente de todas partes de España que viña a colaborar”.
Se ben queda aínda un labor inxente nas zonas afectadas pola DANA, aseguran que o labor realizado nestas case dúas semanas xa se empeza a notar nas rúas. “Nós puidemos ver como evolucionaba a cousa. Empezamos en Alfafar, e vimos como cambiaron as rúas de cando chegamos nós a como quedaban, obsérvase unha evolución”.
E nestes momentos o que se necesita alá, destacan, é maquinaria. “É o que piden, agora mesmo os servizos de emerxencias xa pouco poden facer. De feito, o último día que estivemos nós xa estaba como un pouco colapsado de bombeiros. Os achiques das casas estaban rematados e os rescates xa simplemente continuaban para efectivos con cans”.
Por agora non teñen previsto voltar, pero non o descartan se se volve solicitar axuda de efectivos de emerxencias. Contan que foi unha experiencia dura, pero “por moi pouco que fixemos, algo fixemos. Alí toda axuda é pouca, vai levar meses a recuperación”. E insisten na intensa sensación de agradecemento transmitida pola veciñanza. “Sentímonos moi agradecidos porque por onde pasabamos aplaudíannos, dábannos as grazas, ofrecíannos se queriamos algo, onde te vían a xente pitábache para darche as grazas, ao final iso tamén é de agradecer”.
Fotos cedidas.