
Os estudantes empadroados no municipio que cursan algunha das ensinanzas que non se podan cursar en Quiroga (FP ou universitarias) xa poden solicitar as axudas do Concello de Quiroga tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP 10-10-2022).
Son gastos subvencionables a matrícula educativa, a compra de libros de texto ou material escolar, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica.
Os alumnos interesados teñen ata o día 8 de novembro (incluído) para presentar as solicitudes, que preferentemente deberán tramitar a través de internet ou telematicamente (sede electrónica do concello ou no correo concello.quiroga@eidolocal.es). Xunto co formulario da solicitude deberán de presentar: a copia da matrícula, o certificado do nº de conta e a documentación xustificativa do gasto para o que piden a axuda.
Nesta nova edición de axudas mantense a partida orzamentaria do ano anterior fixada en 7.000€, que se dividirá entre o número de solicitudes presentadas e correctamente documentadas. O pasado ano foron unha trintena os estudantes que se beneficiaron destas axudas municipais como confirmou a Concelleira de Educación, Ana Lucía Nogueira.