
Os futuros enfermeiros e enfermeiras de Ourense inician esta semana un período de prácticas clave na súa formación universitaria, correspondente ao segundo cuatrimestre do curso académico. Nel, o alumnado de segundo, terceiro e cuarto curso do Grao en Enfermaría da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito á Universidade de Vigo, coincidirán ao mesmo tempo realizando prácticas clínicas nos centros sanitarios públicos da provincia.
Esta mañá o alumnado de segundo, terceiro e cuarto curso foi recibido no Hospital Universitario de Ourense nun acto de benvida e coordinación, no que se lles trasladou información útil e para este período de prácticas. No encontro participaron Esther Pérez, responsable de Formación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras; a directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, Milagros Fernández, así como titoras clínicas que acompañarán ao alumnado ao longo desta etapa formativa no Hospital Universitario e nos distintos centros de saúde.
O Grao en Enfermaría é unha titulación de catro anos de duración, cunha marcada orientación práctica, na que as prácticas clínicas teñen un peso fundamental, ao longo de toda a carreira. Estas desenvólvense de maneira progresiva, combinando a adquisición de coñecementos teóricos, na aula, coa experiencia directa nos diferentes ámbitos asistenciais, sempre baixo a supervisión de profesionais de enfermaría e do profesorado da Escola.
2.000 horas de prácticas
Este período supón un comezo para todos eles, aínda que con retos distintos segundo o curso. Para o alumnado de segundo trátase das primeiras prácticas clínicas, nas que se produce o contacto inicial co entorno asistencial hospitalario. Os estudantes de terceiro inician desde mañá o seu primeiro achegamento á Atención Primaria e Comunitaria, desenvolvendo a súa actividade nos centros de saúde. Pola súa banda, os de cuarto curso afrontan as súas primeiras experiencias nas chamadas unidades especiais —UCI, REA, 061, Urxencias, Quirófano, Hospitais de Día Onco-Hematolóxicos; Materno-Infantís e Saúde Mental—, ao tempo que realizan as últimas prácticas da súa etapa universitaria antes da súa incorporación ao mercado laboral.
En moitas ocasións, as prácticas resultan determinantes, á hora de definir as áreas de preferencia ou a orientación profesional das futuras enfermeiras e enfermeiros, xa que ao longo destes tres cursos o alumnado suma ao redor de 2.000 horas de formación práctica. Estas intensifícanse especialmente nos dous últimos cursos, nos que as prácticas en horario de mañá se compaxinan coas clases teóricas de tarde nas aulas.
Neste curso académico 2025-26 coincidirán realizando prácticas as vindeiras semanas un total de 153 alumnos e alumnas. 49 de segundo curso —que completarán seis semanas—, 58 de terceiro e 46 de cuarto.
Por primeira vez en Valdeorras
A promoción de terceiro curso é unha das máis numerosas da historia da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, polo que a súa presenza estenderase máis alá dos centros de saúde da cidade, ou próximos a esta, que tradicionalmente concentran as prácticas, pola súa proximidade ao Campus.
Así, este ano as prácticas desenvolveranse por primeira vez en centros de saúde como o de Chandrexa de Queixa, O Barco de Valdeorras ou Ribadavia, facendo posible esta ampliación grazas, en boa medida, á colaboración dos profesionais sanitarios de atención primaria para facilitar os desprazamentos e asistencia.
Unha vez rematado o grao, o alumnado conta con amplas posibilidades de especialización a través da vía EIR (Enfermeiro Interno Residente). En concreto, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ofértanse prazas de formación especializada en Enfermería Pediátrica, Saúde Mental, Atención Familiar e Comunitaria, e Obstetricia e Xinecoloxía.