ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Os Maios do Barco serán virtuais, solidarios e repartirán 1.000 euros en premios

O concurso constará con catro categorías e para participar será necesario cubrir un formulario na web de AEVA do 30 de abril ao 3 de maio

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentació do concurso de Maios e coplas 2021./ Foto: A.R.

 

Mantense a tradición, pero adaptada aos novos tempos marcados pola pandemia. “Os Maios son unha das tradicións máis ancestrais que temos e, combinada coas coplas, danos unha festa moi nosa e non queremos que se perda. O ano pasado viuse moi afectada, como moitas outras celebracións, e a imposibilidade deste ano de facer unha festa convencional levounos a artellar un concurso virtual de Maios e coplas”, así o anunciaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación das bases deste certame, que o Concello organizará en colaboración co Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e coa Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA).

“O que lle pedimos á xente é que, ademais de inundar a rede de Maios, de flores e de coplas; que participe nun concurso que desta volta tamén é solidario porque nos solidarizamos tanto co comercio, como coa hostalaría e a restauración x que os premios serán uns vales para comprar en calquera dos establecementos asociados ao CCA e a AEVA, entidades coas que xa viñamos traballando e ás que agradezo a súa colaboración”. En total serán case 1.000 euros en vales de compra os que se repartirán nos tres premios previstos en cada unha das catro categorías do concurso.

Para participar nesta iniciativa será necesario cubrir un formulario, que se pode descargar na web www.empresariosdevaldeorras.com entre as 9 horas do 30 de abril e as 14h. do 3 de maio. O certame, aberto tanto a veciños do Barco como a barquenses que residan fóra e mesmo a persoas doutros concellos, conta coas seguintes categorías: Maio tradicional, enxebre ou artístico (víde ou foto), Maio (representación plástica ou meme), Coplas cantadas (texto e vídeo) e coplas escritas (texto ou meme).

“Cada persoa ou colectivo poderá participar con tantas creacións como queira nas redes, pero só poderá presentar a concurso unha por categoría. Todas as creacións serán publicadas nas redes sociais do Concello do Barco, de AEVA e do CCA”, segundo as bases.

Ademais de poñer as imaxes ou vídeos nas redes os Maios (para os que non haberá condicións en canto a dimensións), poderán colocarse tamén no exterior das casas ou en diferentes zonas do municipio.

As bases do concurso poden consultarse aquí:

OsMaiosDoBarco_bases(1)

 

Artigos relacionados

Back to top button