Con sumo coidado, grandes doses de agarimo, enxeño e creatividade dáselle forma e vida cada mes de decembro ao belén de Viloira (O Barco). Dende hai dez anos é obra de tres matrimonios veciños desta vila que o preparan na igrexa parroquial. Este fermoso nacemento, con multitude de detalles e elementos, renóvase cada ano e, desta volta, a súa inauguración está prevista para o vindeiro domingo 8 de decembro ás 18h. A partir desa data poderá visitarse os venres, sábados e domingos entre as 18h. e as 20h.
Entre as novidades deste ano figuran unha nova distribución, tanto dos espazos dos nacemento (dende o portal, o castelo, como das figuras, algunhas delas móbiles, a iluminación, o trazado do río xunto cunha cova, a parte da anunciación, incorporación de novos elementos, por exemplo, unha singular vella nun posto de ovos a que se lle escapa un que racha no chan, unha nova área de cestería e cermámica, un vendedor cargado de dátiles, mulleres con prendas de roupa na cabeza, diversos postos de pan, unhas figuras de “doutores” cos seus cofres, novos animais domésticos, un frautista, un fogar cunha pota fervendo…
En definitiva son multitude de elementos e detalles dun precioso belén que paga pena coñecer e visitar. Na súa elaboración, os seus promotores tamén contan co apoio da parroquia. Ademais, engalanan o altar para as vindeiras datas do Nadal.
Fotos e vídeo: A.R.
