Luns 28 de abril de 2025. Ás 12:33h. a Península Ibérica sofre unha interrupción xeralizada do subministro eléctrico. O sistema, por primeira vez, íase a cero. Nese intre poñíase en marcha o chamado protocolo de arranque en negro de Red Eléctrica Española que permite reconstruír o sistema eléctrico desde cero sen depender de apoio externo, utilizando plantas de xeración capaces de iniciar a súa actividade de forma autónoma.
No caso de Galicia era a Central Hidroeléctrica de Ponte Bibei, que forma parte dos aproveitamentos de Iberdrola na conca do Sil, a que iniciaba ese proceso. É unha das dúas centrais galegas que ten o labor de ser o punto de inicio de reposición do sistema eléctrico no eixo Galicia-León en caso dun BlackOut como o do pasado 28 de abril. “Os primeiros megavatios que levantaron o sistema eléctrico en Galicia saíron de aquí”, resalta Miguel Ángel López, director de xeración da conca Sil de Iberdrola.

Con case 300 MW de potencia instalada a Central de Ponte Bibei convertíase na súa posta en marcha nos anos 60 do século pasado na maior central hidroeléctrica de Galicia, só superada no 2012 por Santo Estevo, tras a súa ampliación. O salto hidroeléctrico de Ponte Bibei sitúase nos concellos de Manzaneda e O Bolo e está formado pola presa do Bao e a central de Ponte Bibei.
A presa do Bao é de tipo gravidade, cunha altura dende os alicerces de 107 m e lonxitude de coroación de 257 m. Forma un encoro de 238 hm3 na cota 652,00 msnm, facendo unha superficie inundada de 820 ha.
A de Ponte Bibei é unha central subterránea e con 4 turbinas principais de tipo Francis vertical de 71 MW cada unha, para un caudal de turbinación de 22m3/s cun salto de 362 m. A unha das turbinas acopláselle un rodete dobre como bomba de 64 MW, o que lle permite subir 19 m3/s dende o encoro de Montefurado ao encoro do Bao (362 m).
Ademais, Ponte Bibei dispón dun grupo auxiliar de 1.000kVA de eixo horizontal e turbina Pelton que lle dá autonomía para o chamado arranque en illa e garante o autoabastecemento de enerxía para o funcionamento da central. E está dobremente conectada coa rede de 20kV que une ás distintas centrais de Iberdrola na conca do Sil, o que garante unha autonomía total con respecto á rede de alta tensión.

“Practicamente o 99% das centrais necesitan enerxía externa para poder funcionar inicialmente. Isto é como un coche, unha vez que está arrancado tes enerxía, pero nun principio necesita unha batería para poder empezar o arranque. Pois no sistema eléctrico sucede o mesmo. Parte das centrais hidroeléctricas posúen esa capacidade de facer un arranque autónomo, sen enerxía do exterior, e son esas as que teñen que iniciar o proceso en caso de BlackOut, e Ponte Bibei é unha delas”, indica Miguel Ángel López, director de xeración da conca Sil de Iberdrola, xunto ao director da Central Ponte Bibei, José Balbino Pérez.
Así o facía no mediodía do 28 de abril. En canto o sistema se viña a cero, “todo o persoal que estaba nas centrais iniciaba os procedementos de arranque autónomo”, lembra Miguel Ángel López, “nós temos unha rede interna de media tensión propia que conecta a todas as centrais e, aproximadamente en menos de 30 minutos xa tiñamos enerxía propia para poder iniciar os procesos de arranque e, a continuación, xa Ponte Bibei arrancou e estivo a disposición do que precisase Red Eléctrica Española e seguimos as súas instrucións. Comezouse a alimentar o que se denominan diferentes bolsas de consumo, é un labor que hai que realizar moi lentamente, xa que partimos dun cero, e o resto de centrais a referencia que para poder acoplarse á rede é a que lle dá a Central de Ponte Bibei. A partir de aí empezaron a conectarse lentamente consumos, a medida que se incrementaba o consumo, ían arrancando e acoplándose o resto de centrais á rede e así foise levantando todo, pouco a pouco”.

Seguindo o plan de reposición establecido, a central lanzábase a Trives, “e de Trives lánzabase tensión cara o interior de Galicia por dúas ramas, unha que vai cara Santiago de Compostela e outra que vai cara Ourense e, a partir de aí, o resto das centrais empezan a conectarse e alimentar. Non se poden meter moitos consumos de golpe porque senón o sistema volvería caer, ata que estea suficentemente mallado”, engade o director de xeración da conca Sil de Iberdrola. Unha vez recuperado o sistema, pasaban a operar de forma habitual.

Periodicamente realízanse ensaios da manobra de reposición na Central Ponte Bibei, o que permitiu unha gran capacidade de resposta o 28 de abril. Esta foi a primeira central de bombeo da flota de Iberdrola. E foi pioneira a nivel nacional ao ter a posibilidade de bombeo coa instalación do rodete bomba, permitindo levar augas do río Sil ao río Bibei.

Nos afluentes do río Bibei, Iberdrola ten outras centrais importantes como son Soutelo (coa presa no río Cenza) con 206,16MW instalados, dous grupos e un deles reversible (turbina-bomba), a central de Conso (presa de Portas no río Camba) con 3 grupos reversibles e 228 MW, e Santiago Xares (presa de Santoalla no río Xares) con 2 grupos reversibles de 51,2 MW. Ademais están as centrais do río Navea e, antes da súa desembocadura, a entral de Montefurado.
Fotos: Carlos G. Hervella.

