ConcellosÚltima hora

Os Radioafeccionados de Trives poñen en servizo un repetidor DMO para o oriente ourensán

Supón unha entrada na radio dixital que lles abrirá novas posibilidades nas comunicacións a estes radioafeccionados desta zona da provincia
Imaxe da tecnoloxía DMR (Digital Mobile Radio), usada en Trives.

 

Ademais da súa actividade tradicional no mundo da radio analóxica, o grupo de Radioafeccionados de Trives, que impulsa José María Valladares con outros compañeiros, vén de dar un novo paso, incorporándose á radio dixital, que lles abre novas e importantes posibilidades a esta afección. Así nestes días veñen de poñer en servizo un repetidor DMO (acceso en modo directo á rede Digital Mobile Radio ou DMR), para a comarca trivesa, Valdeorras e a zona de Viana do Bolo, un paso relevante de cara ao mantemento das comunicacións nesta zona da provincia.

O DMR é un dos protocolos existentes dentro da radio dixital, que destaca polo seu baixo custe para os usuarios dos equipos necesarios para a súa práctica, segundo os expertos. O DMO de Trives está xa conectado á rede Brandmeister. Esta é unha rede mundial libre de repetidores de tecnoloxía DMR para uso nas Bandas de Radioafeccionados. Interconecta en internet a través de servidores denominados master, que enlazan entre si unha estrutura en estrela. Os usuarios conéctanse cun equipo de radio DMR, usando para iso a banda de UHF principalmente.

En Galicia e mesmo a nivel español, un dos pioneiros neste campo do DMR ten sido o Radio Club Alfa Charlie de Fene, dende onde se aplaudía, a través das redes sociais, o paso dado polos radioafeccionados triveses.

Fotos cedidas.

Logo do grupo de Radioafeccionados da Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button