ConcellosÚltima hora

Os Radioaficionados de Trives colaboran co Quiroga Trail Challenge

Danlle á apoio á organización nas comunicacións. Para iso xa instalaron dous repetidores para comunicar todos os postos cos vehículos e cos voluntarios de Protección Civil

 

Dadas as condicións meteorolóxicas tan adversas que se prevén nesta fin de semana, na cal se celebrará o X Quiroga Trail Challenge, as correctas comunicacións van ser determinantes para o desenvolvemento da cita e para garantir a seguridade. Neste senso, a organización desta proba contará coa colaboración dos Radioaficionados da Pobra de Trives. “Botarémolles unha man nas comunicacións, xa colocamos 2 repetidores, un para que todos os postos estean comunicados cos coches que vai haber e coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil, e outro destinado a nivel interno para a comunicación cos voluntarios, máis dun cento que van vir botar unha man de todas partes de Galicia”, explica o presidente dos Radioaficionados de Trives, José María Valladares.

 

 

Para facer posible esa comunicación tamén se contará con máis dun cento de walkie talkies, entre eles hai máis dunha vintena “cedidos para esta proba polos compañeiros de Canfranc, que xa temos programados”, así como con outros equipos como bases magnéticas e emisoras para os vehículos.

 

 

Non é a primeira vez que José María Valladares colabora con este evento deportivo que nesta edición conta cuns 1.200 participantes. “Xa estivera hai dous anos como membro de Protección Civil de Manzaneda”, comenta. Os preparativos de cara a esta proba no eido das comunicacións comezaban xa hai uns quince días e permitíronlle comprobar que, pese á difícil orografía da zona, teñen unha cobertura do 98% de comunicación na zona cun walkie da man, o que garante a comunicación e facilitará a resolución da calquera incidencia que poida acontecer”, indica Valladares. Entre as agrupacións de Protección Civil que colaborarán con este evento deportivo estarán as de Quiroga, A Rúa, Petín e O Barco.

Fotos e vídeo cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button