Na tardiña do 5 de xaneiro os Reis Magos iniciaban a súa viaxe polas vilas e cidades do mundo para traer agasallos e paz, acompañados do seu inseparable equipo de paxes, sempre atentos a axudarlles en todo momento.
San Clodio (Ribas de Sil) tamén tivo a honra de recibilos. No tren rexional, o maquinista de RENFE anunciou con alegría, axudado polo claxon e polas luces do tren, que alguén moi importante chegaba nun dos vagóns procedentes do lonxano Oriente.
Á súa chegada a San Clodio, os Reis Magos e os seus paxes foron recibidos polas autoridades do pobo e, sobre todo, por todos os nenos e nenas, que os agardaban cheos de ilusión, con aplausos e coa oportunidade de falar con eles e entregarlles as súas peticións.
Logo da chegada, os Reis Magos percorreron en cabalgata parte da vila de San Clodio, reuníndose coa rapazada no Salón de Actos da Casa do Concello de Ribas de Sil, onde atenderon, un a un, a todos os nenos e nenas que así o desexaron.
Tamén houbo tempo para visitar a Residencia de Persoas Maiores, compartindo con eles un momento especial. A festa rematou cunha deliciosa chocolatada acompañada de biscoitos, poñendo o broche final a unha tarde inesquecible.
Queremos agradecer a colaboración imprescindible do voluntariado de Protección Civil de Ribas de Sil que, en todo momento, velaba pola seguridade de todas as persoas participantes. E, por suposto, a aquelas persoas que traballaron para que todo saíse ben, en distintas funcións.
Despois tocaba descansar ben para que a noite fose máxica e puidese traer agasallos para todos os nenos e nenas do mundo.
Fotos cedidas.
