Os resultados do proxecto “Variedades de oliveira autóctonas galegas Brava e Mansa: Mellora da produción dos oliveirais e desenvolvemento de aceites diferenciados” daranse a coñecer o vindeiro 8 de outubro a partires das 11:30h. nun acto que se celebrará no Museo Etnográfico de Quiroga.
Trátase dun proxecto liderado pola empresa local Ouro de Quiroga, contando coa colaboración do Centro Tecnolóxico da Carne a través do seu departamento de agronomía. Esta iniciativa poñíase en marcha no 2017 “coa pretensión de mellorar o cultivo de olivas autóctonas e caracterizar os aceites obtidos das variedades Brava e Mansa”, segundo se informa dende a empresa.
No decurso do proxecto realizouse, entre outras actividades, un seguimento das colleitas, comparando analiticamente o aceite de oliva virxe extra obtido fronte ao doutras variedades comerciais. Ademais desenvolvéronse aceites aromatizados con base brava e mansa, para promocionar novos produtos oleícolas do Val de Quiroga e Ribas de Sil.
“Os resultados demostraron que o aceite de Quiroga ten unha excelente aceptación a nivel consumidor, alcanzou a mellor puntuación en varios dos parámetros estudados”, segundo destaca Ouro do Quiroga.
Este acto de presentación tamén incluirá unha cata a nivel consumidor tanto dos aceites das castes brava e mansa virxe extra, como das versións aromatizadas que se elaboraron no proxecto. A entrada ao mesmo é libre.