O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inauguraba na mañá do 11 de maio en Ourense unhas xornadas centradas no reto demográfico, coas que os socialistas pretenden situar a perda de poboación que sofre Galicia “no centro” da axenda política. Neste acto estaba acompañado polo eurodeputado, José Blanco; e polo secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.
Na súa intervención, Caballero pedía “un gran pacto social e político” para revitalizar a demografía, visto o “fracaso” da xestión da dereita neste eido tras tantos anos á fronte da Xunta. En paralelo, o líder socialista defendía a necesidade de “redimensionar” a política económica galega, pois actualmente non existe. “Nin hai conselleiro, nin capacidade, nin política”, enfatizou, para esixir impulso para a industria, o I+D+i, os sectores produtivos e as medidas de xeración de emprego.
Xunto a “unha nova política económica”, o secretario xeral dos socialistas galegos urxiu actuacións de apoio ao medio rural, enfocadas a que os cidadáns poidan desenvolver a súa vida nos municipios do interior. Do mesmo xeito, esixiu unha aposta polos servizos públicos, que as administracións públicas “acompañen” ás familias que decidan ter fillos, máxime nun contexto de baixos salarios e de empregos precarios. “Hai marxe para tomar medidas”, recalcou o líder socialista. “Galicia vai mal”, advertiu, tras apuntar o “aviso” que supón que a comunidade teña perdido 100.000 habitantes nos últimos oito anos. “Temos un problema demográfico grave”, recalcou.
Esta xornada, celebrada no Restaurante San Miguel, destaba estruturada en torno a unha conferencia e dúas mesas de debate, coa participación de dous deputados no Parlamento Europeo; expertos en cuestións demográficas, económicas e xeográficas; cargos socialistas de institucións públicas doutras provincias de España; e membros do PSdeG-PSOE.