Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Os socialistas critican “o lamentable estado da OU-533 (A Rúa-A Gudiña)”

 

O PSdeG-PSOE de Ourense criticaba a través dunha nota de prensa o “lamentable estado no que se atopa a estrada OU-533, que une a Rúa coa Gudiña”, e afirma que “con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia outorgarase prioridade a esta infraestrutura fundamental para as comunicacións do oriente ourensán, que aínda é máis determinante coa chegada do AVE a Galicia”. Para a cabeza de lista deste partido por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, “estamos diante do enésimo exemplo de desleixo ao interior da nosa provincia de parte do goberno do PP, que prometeu a mellora desta estrada en reiteradas ocasións, xa fose a través de Feijoo, Rueda ou a mesma conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Etel Vázquez, pero sen que absolutamente nada acontecera durante todo este tempo”.

Segundo Rodríguez Dacosta, quen acudíu onte, 11 de febreiro, a Viana do Bolo acompañada da candidatura socialista, “a cohesión e equilibrio territorial de Ourense precisan dun claro reforzamento dos servizos públicos, pero tamén dun acaído investimento en infraestruturas, nomeadamente das comunicacións por estrada”.

Pola súa banda, o valdeorrés Lalo Santos, número 4 da candidatura socialista, insistía en que “efectivamente, a estrada adquiriu outra dimensión coa chegada da alta velocidade á Gudiña, xa que a OU-533 entóxase fundamental para comunicar a nosa comarca con Ourense e Galicia, pero tamén co resto de España”.

“A Xunta de Galicia do PP non ten adoptado ningunha acción, ningunha medida para garantir as conexións con Valdeorras, unhas conexións á altura da comarca, rápidas e seguras, acompañando así as transformacións desatadas polo goberno central de Pedro Sánchez”, estima Santos.

A candidatura socialista fai fincapé na obriga de “facer fronte ás eivas e atrasos da provincia, afrontando a complexidade orográfica do territorio para garantir a mobilidade, xa sexa rematando obras e proxectos iniciados ou comprometidos, ou avanzando cara a optimización dun uso eficiente das infraestruturas xa iniciadas. Con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia, a comarca de Valdeorras e a provincia recuperarán o seu esplendor, potenciando os servizos públicos e rematando cos recortes, o desmantelamento e o abandono que sufrimos da man do PP”, fincou Eladio Santos.

Artigos relacionados

Back to top button