Continúan os Talleres de Emprendemento + Intelixencia Artificial, unha iniciativa destinada a espertar vocacións emprendedoras entre os máis novos da comarca, que promove a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), en colaboración co Club do Emprendemento e co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).
A segunda sesión do programa tiña lugar neste 7 de abril no Colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras, onde 30 alumnos de 4º de ESO participaban activamente nunha xornada práctica, dinámica e chea de ideas. Este taller súmase ao xa celebrado previamente no IES Lauro Olmo, marcando así o arranque dun percorrido por varios centros educativos da zona.
A actividade, incluída no programa INCIBE Emprende e financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU, ten como meta “fomentar unha cultura emprendedora entre o alumnado de Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato. Pero vai máis aló: promove unha nova forma de pensar, de traballar en equipo e de utilizar a tecnoloxía como aliada para crear oportunidades”, indica AEVA.

Durante os talleres, os mozos exploran ferramentas de intelixencia artificial, identifican ideas de negocio, practican como presentar os seus proxectos e descobren os elementos crave que fan viable unha iniciativa empresarial. Todo iso cun enfoque motivador, accesible e adaptado aos seus intereses.
“Sementar hoxe o espírito emprendedor é investir nun mañá mellor para Valdeorras”, sinala Araceli Fernández, presidenta de AEVA. “Queremos que estes mozos e mozas vexan na súa terra un lugar onde desenvolver ideas, innovar e construír futuro”.
Os próximos talleres chegarán ao IES Martaguisela do Barco e ao IES Cosme López e o Colexio San Pablo VIN da Rúa. AEVA confía en que este tipo de iniciativas “non só enriquezan ao alumnado, senón que tamén sementen as sementes dun ecosistema emprendedor local sólido, innovador e vinculado ás novas tecnoloxías. Un Valdeorras que, da man da súa mocidade, mire ao futuro con ambición”.
Fotos cedidas.