
O despoboamento e o envellecemento do medio rural incrementan a vulnerabilidade fronte aos grandes incendios forestais. Esta é a principal conclusión do informe «Análise da relación entre o despoboamento rural e o cambio nos réximes de incendios no suroeste europeo», impulsado polo Eixo Atlántico e elaborado polo enxeñeiro forestal Juan Picos, que sitúa a revitalización do territorio como unha das principais ferramentas de prevención.
A Deputación de Lugo acolleu a presentación do estudo, que pon de manifesto que os territorios que perden poboación e envellecen rexistran unha maior superficie afectada polo lume e unha exposición crecente a incendios de gran magnitude.
No acto, encabezado pola presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; interveu o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e do autor do informe, Juan Picos, profesor de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo.
Este estudo analiza a evolución demográfica e os incendios rexistrados entre 2016 e 2026 en máis de 4.400 unidades administrativas de España, Portugal e Francia, confirmando a estreita relación existente entre o abandono do medio rural, o envellecemento da poboación e a proliferación de grandes incendios forestais.
O abandono da actividade agrícola, gandeira e forestal favorece a expansión da matogueira, a acumulación de combustible vexetal e a perda da paisaxe en mosaico, un elemento clave para frear a propagación do lume. A iso súmanse o envellecemento demográfico, a perda de servizos básicos e a diminución da capacidade de xestión do territorio, factores que, combinados co cambio climático, elevan o risco de incendios extremos, segundo o informe.
Máis aló do diagnóstico, o informe expón “unha folla de ruta para reducir a incidencia dos grandes incendios forestais. Entre as medidas propostas figuran a recuperación da actividade agrogandeira e forestal, a conservación de paisaxes diversificadas que actúen como devasas naturais, o impulso á remuda xeracional, o mantemento dos servizos públicos e unha xestión activa do territorio que limite a acumulación de biomasa”, segundo o Eixo.
A investigación subliña que a prevención non pode apoiarse unicamente nos dispositivos de extinción, senón que require políticas públicas orientadas a fixar poboación, xerar oportunidades económicas e reforzar a resiliencia do medio rural fronte aos efectos do cambio climático.
O estudo, elaborado no marco do programa europeo SUDOE, pon ao dispor dos municipios de Galicia e do norte de Portugal unha ferramenta de referencia para orientar as políticas locais de prevención de incendios e de ordenación do territorio. Este traballo dá continuidade ao informe publicado polo Eixo Atlántico en 2018.

