EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Os traballadores de Irosa-Samaca reuníanse co presidente da Xunta e pedíanlle a súa axuda para resolver a problemática na que se atopan

Entregábanlle unha carta onte a Alfonso Rueda na que lle explicaban a situación e solicitaban o seu apoio

 

“Non podo presentarme porque tería que escribir máis de douscentos nomes, pero diríxome a vostede como portavoz de toda esa xente dende o comité da empresa de pizarra Irosa-Samaca. Estas non son as verbas dunha soa voz. Cada letra que lea aquí, vén escrita por moitas mans, por moitos ollos nubrados de bágoas e impotencia e por moitos corazóns cheos de rabia e incredulidade”. Así comezaba a carta que os representantes dos traballadores de Irosa-Samaca lle entregaban ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na visita que realizaba onte a Valdeorras, tal e como informa o comité de empresa.

Na misiva explicaban a problemática que se está a vivir nesta empresa valdeorresa do sector da lousa, con sede en Carballeda de Valdeorras, e pregaban a axuda da Xunta. ” O 19 de setembro a Garda Civil tivo que presentarse no noso traballo para pechar as instalacións, executando unha resolución contraria a toda lóxica. Dun proceso xudicial de todo inxusto, deu lugar a unha sentenza que deixa a máis de douscentos traballadores e as súas familias na rúa, sen ter tidos en conta. Un conflito absurdo e solucionable ameaza os nosos postos de traballo, as nosas vidas. Pregámoslle que nos axude na resolución deste conflicto. Somos una fonte de emprego e economía para o noso país, pero, sobre todo, somos galegos, galegos que precisan dunha man amiga que non nos deixe a deriva. Só pedimos traballar, que nos deixen seguir co noso, co que sabemos facer, e tan ben se nos dá”.

Tamén lle transmitían os traballadores de Irosa-Samaca a súa intención de defender ata o final os seus postos de traballo e pedían o apoio da Administración galega neste senso. “Nós temos as mans e os corpos acostumados a enfrentarnos coa dura pedra que forma o noso fogar, e non nos cansaremos de loitar polo noso, por traballar. Empregaremos toda a nosa forza, en conseguir que ninguén nos arrebate as nosas vidas polo que asemella unha falta de entendemento pueril. Pero gustaríanos que a nosa forza, as nosas bágoas, o noso temor e a nosa ilusión por continuar, tivese en vostede o noso máis valioso portavoz. Rogámoslle, una vez máis, que, por favor, intentemos evitar esta catástrofe social, económica e humanitaria. Agradecéndolle a súa atención. Se despiden os traballadores, e as súas familias, de Irosa-Samaca”.

Artigos relacionados

Back to top button