ConcellosÚltima hora

Os veciños de San Vicente (Vilamartín) concentraranse na Deputación para pedir o arranxo da súa estrada

Teñen previsto viaxar a Ourense o 16 de xaneiro para pedirlle explicacións ao organismo provincial e revindicar un acceso a esta localidade

 

Seguen pasando os anos e a problemática vai a máis. Por iso os veciños de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) van retomar as mobilizacións para demandar un acceso a esta localidade. Teñen previsto facer unha concentración ante a Deputación de Ourense, prevista para a mañá do vindeiro 16 de xaneiro.

“O problema é que a estrada cada vez está peor, está cortada de todo, xa nin andando se pode pasar, non hai forma de arranxar baches nin nada porque xa existe un desnivel no asfalto que non hai remendo que darlle. E o acceso que temos por abaixo tampouco é unha solución porque se se encontran dous coches, temos problemas. Non dispoñemos dun acceso se ten que ir algún bombeiro ou se temos un falecemento, non sei sequera se os da funeraria estarían dipostos a pasar. Esta é a situación que temos, e a maior parte da xente que hai é xente maior”, aseguran dende a directiva da Asociación de Veciños de San Vicente de Leira.

 

 

Coa mobilización do vindeiro 16 de xaneiro os veciños queren expresar o seu enfado e, “dalgunha forma, facer ruído para que nos entendan e que entendan a situación. Son case 30 anos coa mesma letanía e imos a peor. Ata agora aínda ías botando baches pero agora, xa nada, e temos que pasar por camiño prestado, así que iremos pedirlle á Deputación explicacións dese trozo de estrada que está así sen nome”, resaltan dende a asociación de veciños.

Dende esta entidade porase a disposición das persoas interesadas en ir un autobús que sairá ás 9h. dende San Vicente e que despois irá facendo paradas por outras localidades como Córgomo e Baxeles, ademais de parar ás 9:20h. na praza do Concello do Barco. Os interesados en asistir poden anotarse no Café Bar Arco Iris do Barco.

Fotos cedidas.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button