
Quiroga acollerá a VIII edición dos Cantos de Taberna o sábado 22 de marzo. O Concello de Quiroga abre xa o prazo para participar neste festival de música tradicional. Os grupos interesados pódense anotar gratuitamente na casa da Cultura (tfno 982.43.51.25) antes do 17 de marzo.

Para que se leve a cabo esta actividade precísase un mínimo de seis grupos musicais e un máximo de doce, contando cada grupo cun mínimo de cinco integrantes. Entregararanse 150 € a cada grupo participante para que gaste nos establecementos aos que acuda, os establecementos participantes pola súa banda, comprométense a ter a disposición dos grupos tapas ou pinchos.
Está previsto que antes do comezo se reúnan os grupos participantes para darlles o itinerario do recorrido, a actuación en cada establecemento roldará a media hora cun repertorio de libre escolla, preferentemente con temas populares e tradicionais.
As actuacións comezarán a partir das seis e media da tarde aproximadamente, para rematar cunha gran foliada de todas as agrupacións xuntas na zona da praza da rúa Lago.
