EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños da D.O. Ribeiro conquistan os padais do Salón Gourmets, en Madrid

O seu consello regulador participaba cun túnel de viños brancos na caseta do Inorde

 

O C.R.D.O. Ribeiro vén de participar por primeira vez con caseta propia no Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, que este ano celebrou a súa 38ª edición. Tivo lugar do 7 ao 10 de abril no recinto Ifema de Madrid. Os asistentes profesionais do sector puideron coñecer de primeira man a D.O. Ribeiro a través dun túnel de cata con 13 referencias de viños, todos elas de brancos, e as casetas presenciais de varias adegas repartidas entre os diferentes pavillóns do salón.

A Denominación de Orixe máis antiga de Galicia mostrouse aos profesionais participantes a través dun espazo propio de cata situado na caseta do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, Inorde, a través de 13 viños brancos: A Telleira Parcelas, A Vilerma, Armán Finca Misenhora, Casar de Vide, Costeira Treixadura, Cunqueiro III Milenium, Eduardo Peña, El Patito Feo Lías, Finca Viñoa, Gran Alanís, Sanclodio, Terras do Castelo r Val de Nairoa.

O C.R.D.O. Ribeiro colaborou tamén coa Xunta de Galicia, coa presentación e cata dos seus viños institucionais en varias actividades organizadas nas aulas de degustación, cata e harmonías da AGACAL, Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e de Galicia Sabe Amar.

 

 

A presidenta do Consello Regulador, Concha Iglesias Pousa comenta en relación a esta presenza da D.O. Ribeiro no Salón Gourmets que “participamos nesta cita xa que está considerada como o escaparate anual máis importante de alimentación e bebidas de alta calidade. Trátase do evento por excelencia, dirixido exclusivamente a profesionais da enogastronomía, polo que os viños da D.O. Ribeiro non podían faltar. Este salón achegounos a un gran número de profesionais do sector (catadores, catadores, tendas especializadas, restauración, bares, distribuidores…) e tamén a afeccionados do viño, tanto de Madrid como doutros puntos próximos, que querían probar os nosos viños brancos, mostrando gran interese pola Treixadura.”

Back to top button