
Un total de 18 adegas participarán, a partires do luns día 3 de febreiro, na Barcelona Wine Week, aportando 36 referencias, das que 26 serán viños brancos e 10 viños tintos. O recinto Monjuïc de Fira de Barcelona acollerá, do 3 ao 5 de febreiro, a quinta edición deste evento que volverá a congregar á maior oferta vitivinícola de España, con máis de 1.200 adegas participantes. Sobre a organización da feira, Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras opina que “a adicación exclusiva ao viño fai ao evento moito máis atractivo”. Desta forma, afirma que “se agora pasamos dun pavillón a dous, iso dá moito máis servizo; se hai máis de mil adegas apuntadas, iso ten un significado”.
Tras ter que pechar en varias ocasións nas últimas dúas edicións por exceso de aforo, nesta quinta edición a mostra pasa a dous pavillóns, crecendo un 38% en superficie feiral ocupada, alcanzando 10.000 m², e un 33% en cifra de adegas presentes no evento.
A D.O. Valdeorras estará presente xunto con outras 81 denominacións de orixe e outros selos de calidade. De feito, o Consello Regulador estivo presente desde a primeira edición “porque é un evento que consideramos suficientemente importante como para seguir asistindo, porque se lle da protagonismo ao viño”, afirmou Mazaira, aludindo a outras feiras nas que a D.O. Valdeorras deixou de asistir por esa falta de visibilidade e de especialización de produto.
Tour nacional
En Barcelona arranca o tour dos viños de Valdeorras neste 2025, que estarán presentes nos tres eventos máis destacados do mercado nacional. Ademáis da Barcelona Wine Week, que se celebra do 3 ao 5 de febreiro, o Consello Regulador acudirá ao 38º Salón Gourmets de Madrid do 7 ao 10 de abril e á 13ª edición de Fenavin, a Feira Nacional do Viño, que se celebrará do 6 ao 8 de maio en Ciudad Real.