EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños de 13 adegas poderán degutarse na XLIII Feira do Viño de Quiroga, do 18 ao 20 de abril

Público no recinto da anterior Feira do Viño de Quiroga./ Foto: A.R.

 

A XLIII Feira do Viño de Quiroga presenta un amplo programa que desenvolverá os días 18, 19 e 20 de abril. Pero antes destes días xa están en marcha varias actividades vinculadas a esta feira como foi o concurso do cartel anunciador, a concurso Val de Quiroga de Tapas que comezaba o pasado venres ou o desfile da Confraría do Viño previsto para o vindeiro sábado.

No recinto feiral, que abrirá ás súas portas ás 21h. do 18 de abril poderán catarse os viños, tanto brancos como tintos das 13 adegas participante nesta edición: Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV Viticultores, Alvaredos –Hobbs, Lar de Ricobao, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga, Adega Gullufre, Pazo de la Cuesta e Adamare Wines e Adega Salvadur de Vilachá.

 

 

 

O programa ábrese o venres día 18 coa cata de espumosos. A cata desenvolverase na praza da rúa Lago en dúas quendas: unha ás doce e media do mediodía e outra ás cinco e media da tarde. Para ás sete e media está marcado o acto de homenaxe aos precursores da Feira do Viño de Quiroga coa apertura dunha exposición gráfica das primeiras edicións da feira na Casa da Cultura.

Ás nove da noite, abriranse as casetas das adegas participantes no recinto feiral no que non faltará a música para pechar a noite coa actuación do grupo local Mario Colomán & The Clocks Band e a disco móbil Eme.Music.

O sábado dous actos marcarán a xornada. Pola mañá o certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e pola tarde o pregón. O XVI Certame Celtibérico de bandas de gaitas “Memorial Muíño”, comezará ás once e media da mañá co desfile de bandas pola rúa Real ata a praza de España onde terá lugar a actuación e o concurso de bandas.

O pregón desta edición da feira do viño correrá a cargo do ex xogador de baloncesto: Fernando Romay. Romay acadou a prata coa selección española de baloncesto nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984 e participou nos Xogos Olímpicos de Moscova 1980, en tres Mundobasket e catro Eurobasket.

Co Real Madrid obtivo sete títulos de Liga ACB, cinco de Copa do Rey, dous de Copa de Europa, tres de Recopa, un de Copa Korac, dúas da Copa Intercontinental e un Campionato Mundial de Clubs. É, ademais, o segundo máximo taponador da liga ACB con 677 e posúe o récord de maior número de partidos na ACB con 100% de tiros.

O pregón de Romay estará presentado ás oito e media do serán, no recinto feiral, polo xornalista quirogués da Radio Galega, Carlos Julio González. Concluído o pregón, farase entrega dos premios á gañadora do concurso do deseño do cartel da feira do viño 2025 a Laura Maquieira González, noiesa con familia nos Anguieiros; ao establecemento gañador do XIII concurso Val de Quiroga de Tapas e ao representante da camiseta gañadora do concurso da Feira do Viño deste ano.

O grupo “La banda de ayer”, coa súa música pop e rock dos anos 80 e 90 será a encargada de animar aos participantes na feira desta xornada.

O domingo, o son do grupo de gaitas local O Recanto e da banda de música de Antas de Ulla animará o recinto da feira que abrirá ás once da mañá.

Back to top button