En portadaÚltima hora

Os voluntarios de Protección Civil de Ourense colaboran na recollida de alimentos e xoguetes

Participan nunha campaña, promovida polo servizo de Emerxencias da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, que se prolongará ata o 5 de xaneiro
Imaxe desta primeira recollida.

“Por un Nadal para todos” é o lema da campaña de recollida de alimentos e de xoguetes que promove o servizo de Emerxencias da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia e a agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia ourensá. Esta iniciativa solidaria prolongarase ata o vindeiro día 5 de xaneiro e o seu obxectivo é colaborar coas familias máis necesitadas e encher as súas despensas durante as datas do Nadal.

Aceite, legumes, pastas, leite son algúns dos alimentos que centos de ourensáns doaron xa para esta campaña. Os puntos de recollida localízanse nas sedes das 35 agrupacións de Voluntarios de Protección Civil participantes nesta iniciativa e en centros educativos escollidos por elas, así como nas oficinas do Servizo de Emerxencias emprazadas no edificio administrativo da Delegación Territorial, máis coñecido como “Casa de Chocolate”.

A delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Manuel Pardo, e polo xefe de servizo de Emerxencias, José Olivier Reboredo, acudía na mañá do 23 de decembro ao almacén que o Banco de Alimentos ten na cidade para facerlle entrega ao presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, dos alimentos non perecedeiros recollidos ata o momento.

Un dos momentos da visita realizada pola delegada da Xunta ao Banco de Alimentos.

Díaz Mouteira agradecía a “extraordinaria solidariedade e xenerosidade” dos ourensáns amosada á hora de colaborar na doazón de alimentos e xoguetes para esta campaña. “O verdadeiro protagonista desta iniciativa é o gran espírito solidario dos cidadáns de toda a provincia que teñen participado achegando bolsas de produtos aos puntos de recollida”, sinalaba.

En total, o 23 de decembro entregábanse aproximadamente 2.000 quilos de alimentos e unha gran cantidade de xoguetes, dende peluches ata xogos educativos dirixidos a todas as idades. O vindeiro día 5 realizarase a segunda entrega co material doado ao abeiro desta campaña.

Artigos relacionados

Back to top button