As agrupacións de Protección Civil fan un labor “importantísimo, especialmente no rural”. Así o destaca, no marco da celebración do Día do Voluntariado, neste 5 de decembro, José A. Rodríguez Herrero, membro da agrupación de Parada de Sil dende hai 19 anos.
¿Que papel desenvolven hoxe os voluntarios de Protección Civil?
A Lei de Emerxencias de Galicia di que o sistema integrado de protección civil está formado por “persoal profesional” (bombeiros, GES) pero tamén por “persoal voluntario”. Cando hai unha gran emerxencia ás veces os servizos desbórdanse e hai que tirar dos voluntarios, tal e como vimos hai pouco en Valencia, colaborando cos servizos profesionais. Nos concellos Protección Civil somos primeira liña, os primeiros en chegar á emerxencia, e dámoslle unha primeira información real ao 112 do que acontece.
Por iso é vital para calquera concello dispor dun colectivo de voluntarios de Protección Civil forte en número e ben formado, pois mellora notablemente a capacidade de resposta ante situacións difíciles. Ademais, en calquera evento que haxa nun municipio, tanto cultural como deportivo, aí vai estar Protección Civil. Por iso os concellos deben apostar por ela con financiamento e medios, e de feito hai moitos concellos implicados niso. Á parte dos medios, é moi importante que o concello arroupe ao voluntario, que quere cariño.
¿Que supón para vostede o Día do Voluntariado?
É unha data para recoñecer o labor das persoas que dedican o seu tempo aos demais, a ese compañeirismo, solidariedade, altruísmo, compromiso… O voluntariado non ten remuneración, é bo que un día ao ano se lle faga unha homenaxe pública.
¿Como se pode facer unha persoa voluntario de Protección Civil?
O primeiro é contactar coa agrupación do seu concello e anotarse, primeiro como candidato. Logo hai que superar un curso básico de Protección Civil, eminentemente práctico, no que se adquire formación en primeiros auxilios, incendios urbanos e forestais, accidentes en estradas, prevención e planificación. Este curso é obrigatorio e, a partir de aí, o voluntario en cada semestre ten a posibilidade de seguir formándose.
¿Que opina de dotar de medios materiais das agrupacións?
É importantísimo, se vas atender unha emerxencia e non tes medios, ao final vas alí a non facer nada e, como es unha primeira resposta, moitas veces tes que tomar iniciativas. É certo que dende hai uns anos a Xunta ten repartido moito material e hoxe calquera agrupación dispón dun vehículo todoterreo, dun remolque, bombas de achique, grupo electróxeno, iluminación, material de extinción… o que precisas para unha primeira intervención. Logo hai embarcacións, esparexedores de sal, cuchillas para os vehículos… Apostouse por aportar material que está aí para que o noso veciño estea máis seguro.
¿Como valora a coordinación de Protección Civil co Servizo Provincial de Emerxencias?
No caso da nosa agrupación temos unha relación moi cordial, eles son os representantes institucionais máis próximos a nós, están ao noso servizo e pendentes de se precisamos ou non material, e, se non nolo poden aportar, cedénnolo para determinados eventos.
Fotos cedidas.