CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Óscar Ibáñez & Tribo traen a Quiroga o espectáculo do seu 20 aniversario

Será nun concerto previsto para o 19 de xaneiro no auditorio da vila ás 18h. e con entrada de balde

 

O Auditorio Municipal acollerá o vindeiro domingo, 19 de xaneiro ás 18h., un concerto do gaiteiro e frautista, Óscar Ibáñez. Este músico achegábase ata Quiroga para presentar, xunto co alcalde, José Luis Rivera, o espectáculo Tribal XX, organizado con motivo do 20 aniversario de traxectoria artística coa súa banda de directo Tribo. No escenario, unha formación a seis músicos que fará un repaso polos temas máis senlleiros do grupo.

Óscar Ibáñez conta con varias facetas: a artística, como músico de gaita e frauta; a de docente, impartindo música tradicional en escolas e centros galegos de Galicia, Latino América, EE.UU. e Europa. A estas dúas hai que engadirlle a súa faceta como investigador, que o levou a facer varias publicacións sobre o grupo Os Montes de Lugo, sobre o gaiteiro de Verín José Pousada, ou sobre Xoán Tilve de Campañó. Isto fai de Ibáñez un artista multidisciplinar.

Nunha entrevista á Radio Tv Municipal de Quiroga, Óscar Ibáñez falaba sobre o recibimento que ten a súa música fora de España, onde “resulta moi éxótica e moi chamativa, e gusta moitísimo”. A música tradicional “vai estar viva mentres sigan vindo novas xeracións a darlle continuidade”, indica este gaiteiro, que considera que a música tradicional vive “un dos seus mellores momentos, está viva, está na xente, está no entorno e está no mundo artístico”. Facendo fincapé nese importante recoñecemento que é que as Letras Galegas deste 2025 estean dedicadas ás cantareiras.

 

 

O músico natural de Poio (Pontevedra) apunta ademais o  cambio que está acontecendo na música, na que se está “pasando dun son orgánico 100% en directo a un son con máis programación e cunha base máis electrónica, aínda que estas novas propostas contribúen a enriquecela, destaca a música ao vivo que se realiza en directo no escenario. Nós posicionámonos en música orgánica, non tan sintética, onde todo o que tocamos está sucedendo en vivo no escenario”

O concerto, con entrada de balde, comeza ás seis da tarde e está organizado polo Concello de Quiroga contando co patrocinio da Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button