SanidadeÚltima hora

Ourense acolle o 22 de abril a súa primeira xornada de actualización de neurofisioloxía clínica

O Hospital Universitario de Ourense foi o primeiro hospital galego e o único que incorpora á cirurxía de aorta técnicas neurofisiolóxicas que diminúen os riscos de déficit neurolóxico postcirúrxico

O equipo organizador das xornadas. Silvia A. Paradelo, Adrián Baz López e Eros Moreno Morales./ Cedida.

 

A Neurofisioloxía Clínica é a especialidade responsable do estudo funcional do sistema nervioso central e periférico -mediante o rexistro e interpretación da súa actividade fisiolóxica- clave para o diagnóstico de numerosas patoloxías e, cada vez máis, indispensable no quirófano e nos equipos multidisciplinares para o tratamento de numerosas patoloxías. Esta última función clínica é precisamente o tema central das primeiras xornadas de actualización que se celebrarán este sábado en Ourense.

Esta complexa e aínda nova especialidade implantóuse en Ourense nos anos 70, ligada a electroencefalografía (EEG) e, desde entón, o seu crecemento está a ser imparable. Incorporando a electromiografía (EMG), os potenciais evocados (PE) e, desde 2013, coa área de monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria (MNIO) contribuíndo ao avance das técnicas cirúrxicas de especialidades como neurocirurxía, cirurxía xeral, vascular, trauma ou otorrinolaringoloxía. Tamén colabora en equipos multidisciplinares con outras áreas médicas como medicina interna ou neuroloxía.

Igualmente, o estudo de potenciais evocados (PE) se utiliza para o diagnóstico e prognóstico dos pacientes críticos e xa forma parte dos protocolos de actuación habituais deste hospital. Pola súa parte a electromiografía (EMG) é clave no diagnóstico da maior parte de enfermidades neurolóxicas, dende as neuropatías ata a esclerose lateral amiotrófica (ELA). Pese a este amplísimo abano de funcións, a especialidade é aínda unha gran descoñecida, posiblemente pola súa complexidade e as dificultades de facer comprensibles, a nivel xeral, as bases do seu traballo.

Difundir as experiencias pioneiras que se fan en Ourense

No marco das xornadas terá un papel clave a experiencia da monitorización neurofisiolóxica intraoperatoria (MNIO) do Hospital Universitario de Ourense, primeiro hospital galego en incorporar a cirurxía de aorta complexa as técnicas neurofisiolóxicas, que diminúen os riscos de déficit neurolóxico postcirúrxico, sistema que ata o momento só se emprega na provincia, realizándose entre 20 e 25 intervencións anuais.

A implantación deste traballo conxunto entre Cirurxía Vascular e Neurofisioloxía foi aplicado por vez primeira en 2020, e forma parte xa do sistema de traballo do servizo, con grandes resultados. Afondando nesta colaboración, e tamén de xeito pioneiro a nivel galego, desde o pasado ano 2022, o servizo de neurofisioloxía tamén forma parte da planificación cirúrxica das intervencións da arteria carótida, para previr o risco de accidente cerebrovascular (ACV) durante esta delicada intervención.

Esta experiencia será abordada precisamente pola especialista do Servizo de Cirurxía Vascular de Ourense, Rosa Villardefrancos, no seu relatorio sobre “Parámetros clínicos e cirúrxicos necesarios para a planificación da cirurxía de aorta” e pola neurofisióloga Valeria Fra, actualmente exercendo en Vigo, e que contará a súa experiencia en Ourense “Tecnicas neurofisiolóxicas empregadas na Cirurxía de Aorta”.

Igualmente a experiencia conxunta, dende hai máis de cinco anos, tamén pioneira a nivel galego, entre Neurofisioloxía e o Servizo de Otorrinolaringoloxía de Ourense será exposto no marco do módulo adicado ás experiencias clínicas nas que se aplica a electromiografía larínxea (EMG-L) no relatorio “Trastornos da voz en enfermidades neuromusculares”

 

 

Primeira Xornada

O servizo de Neurofisioloxía Clínica do Hospital Universitario de Ourense vive con ilusión a organización desta súa primeira reunión científica na cidade, que se convertirá este sábado en punto de encontro de neurofisiólogos de toda Galicia e do resto do país, traballando en conxunto coa Sociedade Galega de Neurofisioloxía Clínica (SOGAN) e co aval científico da Sociedade Española (SENFC).

O programa deseñado polo comité organizador, formado polos doutores Eros Moreno Morales, Silvia A. Paradelo e Adrián Baz López, reúne temas de máximo interese e plena actualidade, destacando a participación ourensá en áreas punteiras, como a cirurxía de aorta ou a a electromiografía larínxea a electromiografía larínxea (EMG-L)), contando con relatores de primeiro nivel e amplamente recoñecidos pola súa traxectorias profesional.

O primeiro bloque da xornada abarca unha ampla actualización no diagnóstico e manexo do status epiléptico non convulsivo, contando para iso, con dúas especialistas de referencia da unidade de epilepsia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Elva Pardellas Santiago e Xiana Rodríguez Osorio.

O segundo bloque enfócase na área de monitorización intraoperatoria, desenvolta por especialistas ourensáns, que convirten ao Hospital Universitario de Ourense en pioneiro na súa aplicación na cirurxía de aorta.

Finalmente, o último bloque da xornada, está dedicado á electromiografía larínxea a (EMG-L), poñendo unha vez máis de manifesto o traballo multidisplinar da especialidade. Neste bloque contan con relatores, como a presidenta da Sociedade Andaluza de Neurofisioloxía Clínica, a doutora Carmen Martínez Aparicio, referente neste tema, acompañada de Rafael Hurtado Ruzza do HU de Ourense. Ambos con perspectivas distintas e actualizadas dirixidas ao mesmo obxectivo: a patoloxía neuromuscular laríngea.

 

Servizo de Neurofisioloxía Clínica do Hospital Universitario de Ourense./ Cedida.

 

*Algunhas das Técnicas diagnósticas de Neurofisioloxía Clínica

Electroencefalograma (EEG)

O EEG foi a primeira que se desenvolveu. Consiste no rexistro da actividade bioeléctrica cerebral en condicións basais de repouso, vixilia, sono e durante diversas activacións (habitualmente hiperventilación e estimulación luminosa intermitente). Permite o diagnóstico de enfermidades como a epilepsia, encefalopatías, estados de coma, diagnóstico de morte cerebral e outros. Dentro deste apartado tamén se atopan relacionadas técnicas como a corticografía e a magnetoencefalografía.

Electromiografía

Electromiografía é un conxunto de técnicas que permiten estudar a función dos nervios periféricos, raíces nerviosas, unión neuromuscular ou músculo. Analizan a actividade voluntaria do músculo e/o as conducións nerviosas motoras e sensitivas en diversos segmentos do nervio. Dentro deste apartado tamén se atopan relacionadas técnicas como a exploración do sistema vexetativo.

Potenciais evocados

Os potenciais evocados avalían as respostas do sistema nervioso ante estímulos sensoriais específicos coñecidos e normalizados. Empréganse estímulos luminosos para avaliar a vía visual, estímulos acústicos para avaliar a vía auditiva, estímulos eléctricos para avaliar a vía sensorial etc. Dentro deste apartado, tamén se encadran técnicas relacionadas como a electrorretinografía, a electrooculografía, a electrococleografía e as otoemisiones acústicas.

Monitorización neurofisiológica intraoperatoria

Consiste na aplicación das técnicas anteriores durante aquelas cirurxías que presentan un alto risco de producir unha lesión neurolóxica -sobre-engadida á patoloxía previa do paciente- co obxectivo de preveelas nos casos que sexa posible. As técnicas a utilizar decídense conxuntamente entre neurofisioloxía e o equipo cirúrxico, dependendo da área do sistema nervioso que estea en risco. Emprégase en cirurxía de tumores do sistema nervioso (do cerebro, médula ou nervios periféricos), na cirurxía de aneurismas vasculares, e en cirurxías de columna de alto risco. Tamén se realizan os mapas de funcións co fin de determinar a situación das áreas elocuentes cerebrais (as da linguaxe, motora, sensitiva, …) para evitar a súa lesión durante a cirurxía.

Artigos relacionados

Back to top button