
O salón de actos do CIFP A Farixa acollía a presentación da II edición de Estudios Abertos, evento que abrirá as portas dos obradoiros de artistas profesionais da cidade e da provincia na fin de semana do 24 ao 26 de outubro e que o ano pasado celebrou a súa primeira edición cun balance de máis de 1.500 visitantes.
No acto parricipaban Viky Mociños, ex alumna do Ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa e parte do equipo de produción do evento; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; César Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; e Tomás Lijó, xefe do Departamento de Imaxe e Son e docente do CIFP A Farixa, coa presenza tamén de artistas participantes e alumnado do ciclo de Produción que colabora como voluntariado na organización do evento.
Viky Mociños salientou a dimensión deste proxecto, que o ano pasado celebrou a súa primeira edición, e adiantou parte do programa, que inclúe a apertura de espazos de artistas na cidade de Ourense e tamén nos concellos de Allariz, Taboadela, Xunqueira de Espadanedo e Bande.

A organización fixo unha chamada á cidadanía a se achegar “á arte que nace máis preto da nosa casa”, afirmando que “queremos que a xente se achegue ao traballo dos grandes artistas plásticos, visuais e contemporáneos que temos na nosa contorna e dos que ás veces nin sequera sabemos”.
Neste sentido, Anxo Lorenzo salientou desde a Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia a orixinalidade dun evento polo que “apostamos desde o primeiro momento; primeiro porque permite unha interlocución moi interesante entre público, artistas e mocidade, e segundo porque reúne moitas cousas que cremos que son fundamentais: poñer en valor os estupendos artistas que viven no noso territorio e engadir valor no que supón como motor de turismo cultural”. Destacou tamén a oportunidade que supón para o alumnado do CIFP A Farixa participar nun proxecto de produción “real” tan interesante como este.
A Deputación de Ourense participa como patrocinadora desta II edición. César Fernández, o seu vicepresidente, destacou o carácter novidoso da proposta, afirmando que “Estudios Abertos está chamado a ser unha das actividades culturais referenciais da programación da provincia”.

Tomás Lijó, docente e xefe do Departamento de Comunicación do CIFP A Farixa, subliñou o carácter didáctico do proxecto, que parte dunha asociación de exalumnado formada por diferentes xeracións que pasaron polo centro, e que permite algo que cualificou como “case máxico: o feito de vermos traballando xuntos a profesionais que se formaron aquí en distintas xeracións co alumnado actual, o que lles permite coñecérense e aprender nun contexto de produción real”.
Coincidindo coa roda de prensa presentouse un vídeo-resumo da edición anterior. O programa completo e a situación no mapa dos estudios pode consultarse en www.estudiosabertos.com.