
Ourense vibrará de cor e maxia o vindeiro sábado 17 de setembro coa celebración do seu II Entroido de Verán. Trátase dunha iniciativa presentada esta mañá no Concello que busca “darlle vida á cidade máis alá da programación cultural propia que desenvolvemos dende o Auditorio”, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias. Aproveitou tamén para animar a ourensáns e visitantes de fóra a disfrazarse e participar na festa.
A programación do Entroido de Verán inclúe un desfile que sairá ás 21:30 horas da Praza Maior e fará o seguinte percorrido: rúa Lamas Carvajal, praza de Santa Eufemia, rúa da Paz, praza do Ferro, rúa dos Fornos e remate na praza do Correxidor. Tamén haberá unha entrega de premios á 1:00 da madrugada nesta mesma praza.
Os gañadores serán elixidos mediante xurado de cinco membros, que valorará a orixinalidade, a chispa diante do publico, o vestiario, a maquillaxe, a caracterización e a creatividade. Entre os premios, tamén se recoñecerá un especial á mellor foto colgada no facebook do Entroido de Verán.
No acto de presentación da iniciativa estivo tamén presente Paco Gallego, da Asociación Praza do Correixdor, quen tamén animou a todos os establecementos da cidade a sumarse á festa e “xerar ao redor dela riqueza para a cidade de Ourense”.