OurenseÚltima hora

Ourense celebrará o seu magosto no Barbaña con 1.000 quilos de castañas

O Concello emitirá un bando municipal coas indicacións de seguridade e obrigas dos que celebran os magostos para evitar accidentes
Juan Diego Ingelmo é o gañador do deseño do cartel deste ano. // Foto: Carlos Asensio.

A cidade de Ourense prepárase para unha das súas celebracións máis grandes: Os magostos. Este sábado, 11 de novembro, día de San Martiño, as cacharelas prenderanse para asar castañas, bolos preñados e carne asada. Todo isto regado con viño. Unha festividade que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a cualificou do seguinte xeito: “unha das festas máis simbólicas e emblemáticas da nosa cidade”. Tamén declarada festa de interese turístico.

Este ano, será o parque Barbaña o que acollerá o grande magosto organizado polo Concello. E contará con todos os ingredientes clásicos desta festividade. Segundo cifraron hoxe, 6 de novembro, dende o Concello de Ourense, asaranse 1.000 quilos de castañas, 2.000 bolos preñados (50 para celíacos), 200 botellas de viño e 1.500 augas. Asemade, para amenizar a tarde, haberá música a cargo das asociacións folclóricas As Daniñas e Gomes Mouro. Cada ración (castañas, bolo preñado, auga ou viño) terá un custo de 1 euro, “un prezo máis que asequible”, asegurou Vázquez.

Asemade, toda Galicia poderá gozar desta xornada de festa, xa que o programa “Aquí Galicia” da TVG, emitirá en directo o festexo “para toda a comunidade e aló onde chega a Televisión de Galicia”, dixo o rexedor municipal.

A pesares de todo, Jesús Vázquez reiterou que “para que todos poidamos gozar das festas, hai que seguir certas medidas de seguridade”, que este ano víronse incrementadas pola Xunta de Galicia, dado que a alerta de incendios ampliouse até o 12 de novembro. Por este motivo, dende o Concello recalcan que calquera asociación, colectivo o particular que queira celebrar o seu magosto na cidade “terá que informar ao Concello dita celebración”, explicou Jesús Vázquez. Todo isto para remitirllos á Policía Local e os Bombeiros e así poidan realizar os seus informes de seguridade.

Asemade, o Concello vai emitir un Bando Municipal con normas de seguridade a seguir para estes festexos. Entre elas, explicou o rexedor municipal, están as recomendacións de Protección Civil, Policía Local e Bombeiros. Entre esas normas están a da prohibición de utilizar materiais explosivos ou inflamables nas fogueiras, que estas deben manter unha distancia mínima de 15 metros respecto de calquera lugar habitado, tendido eléctrico ou outras instalacións coma mobiliario público ou contedores. A distancia incrementarase a 30 metros cando se trate de masas arbóreas, deben estar o perímetro limpo e rozado. Así mesmo, as dimensións das cacharelas non deben de superar os tres metros de altura nin os catro metros de diámetro.

O bando incidirá tamén en que os responsables de cada magosto deban asegurarse de que o lume queda completamente apagado antes de abandonar o lugar.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button