
Turismo de Galicia volve apostar por promover o turismo urbano a través da súa oferta gastronómica nunha campaña que culminará o 30 de xuño nunha gala na que sairá elixido o Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores 2026 e na que participará un cociñeiro por cada unha das cidades galegas. Entre eles estará, representando a Ourense Beatriz Alcalá con “Apagón” de La Zapatería del abuelo. A chef regresou a Ourense desde Barcelona para dar unha nova vida ao local familiar do seu avó no histórico Casco Vello e transformalo nun referente gastronómico.
Coa súa tapa Beatriz -celíaca e firme defensora da cociña inclusiva- presenta unha proposta apta para todos, cuxa idea naceu á luz das candeas durante o corte eléctrico. A peza centra o seu valor nun salmón fresco afumado artesanalmente no emblemático Fumeiro de Pepe “Callos”. Para equilibrar a graxa do peixe, incorpora unha manteiga de cítricos, herba luisa e menta da horta local de María de Atarazana, rematando o conxunto con aguacate e mango.
Os chefs das restantes cidades son Rubén González de El Cafetín (Pontevedra); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Deste xeito, porase en valor a riqueza e diversidade do tapeo galego, amosando as distintas interpretacións culinarias que xorden das realidades urbanas das sete cidades participantes.

Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional e por outra o premio do xurado popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Organizada pola Xunta de Galicia, na súa décima edición, a Gala Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores consolídase como un espazo de encontro entre a gastronomía urbana, o talento culinario e a identidade local. Ao mesmo tempo, constitúe unha iniciativa estratéxica para atraer un perfil de visitante que realiza escapadas ao longo de todo o ano na procura de experiencias gastronómicas auténticas, centradas na cociña de proximidade e na cultura asociada á alimentación.

