DeportesÚltima hora

Ourense, epicentro dos deportes extremos co festival urbano Pulpo Extreme

A cita levarase a cabo do 7 ao 9 de outubro cun cento de profesionais que traerán á cidade das Burgas os mellores espectáculos de sakte, patíns en liña ou BMX
Un momento da presentación do festival Pulpo Extreme, que se celebrará do 7 ao 9 en Ourense.
Un momento da presentación do festival Pulpo Extreme, que se celebrará do 7 ao 9 en Ourense.

A cidade das Burgas acollerá do 7 ao 9 de outubro o festival urbano Pulpo Extreme. Unha cita que contará coa participación dun cento de profesionais do mundo do deporte extremo, entre os que destacan Dani León, David Penafiel ou o ourensán Iván Malvido. Entre todos converterán a Ourense no epicentro mundial dos deportes extremos ofrecendo “o mellor circuíto nacional de festivais urbanos”. Así definiu o evento a concelleira de Xuventude, Sofía Godoy, durante a presentación do mesmo que tivo lugar o pasado venres 30 de setembro no Salón de Plenos do Concello. No acto tamén estiveron o edil de Deportes, Mario Guede, os promotores do festival, José Luis Pérez “Txeluis”, Toni López e Pablo Álvarez, e o alcalde, Jesús Vázquez, que apuntou a que “Ourense cheo de xente significa vida e significa negocio para todos nós”.

O Pulpo Extreme comezará o venres 7 coas primeiras probas de clasificación e cunha exhibición no centro comercial Ponte Vella. Na xornada do sábado, levaranse a cabo novas probas de clasificación durante todo o o día, pero nesta ocasión levaranse a cabo en Expourense. Por outra banda, tamén haberá eventos e actividades na cidade, como o descenso en BMX que se celebrará dende San Francisco até As Burgas. Outros eventos que se desenvolverán en paralelo serán concertos con dj ou exhibicions de grafittis. O domingo será momento para as finais en Expourense e finalmente unha gran queimada pechará o festival urbano. No Concello tamén indicaron que haberá autobuses gratuítos dende o parque de San Lázaro até Expourense.

Artigos relacionados

Back to top button