SanidadeÚltima hora

Ourense, escenario do XXXIX Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna

O presidente dos internista galegos asegura que "o maior reto que temos por diante é a a creación de programas de atención de enfermos crónicos complexos e pluripatolóxicos para mellorar o manexo integral destes pacientes"

 

Dende hoxe e ata mañá o Centro Sociocultural Marcos Valcárcel está sendo escenario do XXXIX Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna. Tal como explicou o doutor Jose Luís Jiménez, médico ourensán e presidente do comité organizador deste encontro, os obxectivos da reunión son “continuar cos encontros entre os profesionais galegos da medicina interna; realizar un repaso polas múltiples materias, e destacar as novidades nas patoloxías máis frecuentes tratadas nos servizos de Medicina Interna dos hospitais. Haberá un espazo para as enfermidades infecciosas (VIH, post-covid, Enfermidade de Chagas…) e as autoinmunes”. “Esmerámonos en deseñar talleres prácticos para internistas novos como nutrición, ecografia ou amiloidosis cardíaca”, continúa o doutor Jiménez.

Ademais o coordinador do foro apunta que “abordaremos un repaso polas novidades deste ano nas catro patoloxías máis prevalecentes, tales como a Insuficiencia Cardíaca, EPOC, Diabetes e Enfermidade Tromboembólica”. E contarase con dúas ” conferencias maxistrais de gran calado”: unha delas centrada no “Papel da Medicina Interna na estratexia de cronicidade despois da pandemia”, impartida polo doutor Jordi Varela. “Lembremos que a cronicidade, unida ao envellecemento e pluripatoloxía, é o maior reto ao que se enfronta o noso sistema sanitario”, indica Jiménez. A outra sesión destacada xirará en torno á “Medicina Xenómica e Personalizada”, co doutor Anxo Carracedo, Catedrático en Medicina Legal pola USC”.

Todos estes contidos irán acompañados do espazo para a produción científica, cun apartado dedicado á presentación de comunicacións orais.

O doutor Juan González Adoitar, presidente de SOGAMI (Sociedade Galega de Medicina Interna), sinala que “esta é a reunión máis importante para os internistas galegos, pois serve como actualización nos principais temas relacionados coa especialidade e posta en común das novidades e innovacións no manexo das distintas enfermidades”. E matiza que a “Medicina Interna é unha especialidade deseñada para resolver os problemas dos pacientes dunha maneira integral e integradora”.

O doutor González incide en que “os internistas son médicos vocacionais que valoran aos seus pacientes dunha forma holística, tendo en conta as súas patoloxías orgánicas, pero sen descoidar os factores psicoafectivos e sociais . Ao longo da historia da medicina, a nosa especialidade foise adaptando sempre no sentido de dar resposta ás necesidades das persoas. Sriva como exemplo o comportamento exemplar dos especialistas de medicina interna durante a pandemia Covid na que nos fixemos cargo do 90-95 % dos pacientes infectados que requiriron hospitalización nunha patoloxía emerxente que provocaba un auténtico desafío profesional. Este desafío acompañábase do lóxico temor ou receo relacionado co descoñecemento inicial na súa transmisión e seguridade dos profesionais que estaban ao coidado destes pacientes . Por suposto isto non foi traba algunha para o desempeño do noso labor profesional , antes ao contrario”.

Comenta así mesmo que “nestes momentos creamos dispositivos para o seguimento desas secuelas que deixaron nunha pequena porcentaxe deles coa creación de consultas post-covid . Pero esa valentía dos internistas non é nova , fai xa unas cantas décadas cando aparece a infección por VIH os internistas son os que asumen o manexo e as complicacións destes pacientes creando unidades de enfermidades infecciosas /SIDA”. O doutor Juan González tamén asgura que “na actualidade continuamos adaptando o noso traballo para dar a mellor atención aos pacientes con características especiais que nos necesitan , así creamos consultas de enfermidades minoritarias, unidades de coidados paliativos, unidades de enfermidades autoinmunes, unidades de alta resolución , risco cardiovascular, enfermidade tromboembólica e outras tantas. Quizais o maior desafío que temos por diante será o da creación de programas de atención de enfermos crónicos complexos e pluripatológicos para mellorar o manexo integral dos pacientes que máis tensionan o noso sistema sanitario”.

 

 

 

O doutor Soler non quixo deixar de agradecer o apoio do colexio Médico, a área sanitaria ourensá, representada polo Conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, así como á Deputación de Ourense, pola súa colaboración na organización e recursos necesarios para o evento. Pola súa banda, Pilar Garzón, presidenta do Colexio Médico de Ourense, destacou o labor dos profesionais de Medicina nestes tempos difíciles.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade, que acudía acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, remarcaba “a capacidade de liderado dos profesionais da Medicina Interna do Sergas que, de xeito diario, conseguen prestar unha atención de máxima calidade nun ámbito no que interveñen equipos de carácter multidisciplinar”. Así, Comesaña cualificabao labor dos internistas “de vital importancia para asegurar a sostibilidade do sistema sanitario”, agradecendo a súa implicación no desenvolvemento de prácticas de conciliación terapéutica, a atención a pacientes crónicos complexos, ou as súas constantes achegas ao eido da investigación e da docencia.

o conselleiro de Sanidade fixo mención especial ao traballo desenvolto polos especialistas de Medicina Interna durante os tres anos de crise sanitaria, unha etapa na que, ademais de asumir un gran número de ingresos de alta complexidade, tamén pilotaron dispositivos de nova creación para atender aos pacientes covid-19, como foi o caso do Equipo de Seguimento Compartido de Atención Primaria-Hospitalaria (ESCAH), ou as actuais Unidade de Atención á Covid Persistente.

Artigos relacionados

Back to top button