O IES Lauro Olmo do Barco acollerá o vindeiro 3 de decembro ás 16:30h. unha xornada formativa con Francisco (Paco) Rego no Salón de Actos do centro e que está organizada polo seu Ciclo Superior de Vitivinicultura. A esta actividade estarán convidados, ademais do alumnado do ciclo e todo o profesorado do centro, as adegas da zona.
Francisco Rego Martínez é todo un referente no mundo da viticultura en Galicia, e en concreto na comarca do Ribeiro. Vén de xubilarse despois de máis de corenta anos adicado ao sector sempre a prol dos viños galegos, primeiro no Servizo de Extensión Agraria de Ribadavia e dende 1994 na EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia), en Leiro.
A súa filosofía concéntrase na defensa das castes (variedades uva) autóctonas, na aposta pola calidade dos viños galegos e na recuperación da tradición milenaria dos viticultores galegos. Nas súas propias verbas. “Se de algo me arrepinto é de non ter pasado máis tempo cos vellos viticultores, e de poder transmitir os seus saberes”.