En portadaÚltima hora

Panadería Caneda de Trives, entre as 8 Panaderías Históricas de Galicia recoñecidas nos Premios Picadillo

O acto de entrega do galardón tiña lugar esta tarde no marco do Galicia Fórum Gastronómico na Coruña

 

Un dos actos máis emotivos da derradeira xornada do Galicia Fórum Gastronómico, neste 25 de marzo na Coruña, era a entrega dos Premios Picadillo, presidida polo conselleiro do Mar. Entre os galardoados nesta edición estaba, na categoría de produtor a Panadería Caneda da Pobra de Trives. Este establecemento  elabora a famosa Bica de Trives desde 1899, máis de cen anos de tradición, entre outros produtos como o pan fresco diario, empanadas artesás, repostería ou tartas especiais.

 

Representantes de Panadería Caneda no seu establecemento en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Caneda era unha das 8 Panaderías Históricas de Galicia distinguidas, xunto a Panadería Pallares (Sarria, Lugo, 1876); Panadería Germán (Fisterra, A Coruña, 1870); Panadería Rabizas (Betanzos, A Coruña, s XVII); a centenaria Panadería Paleo (Ribadeo, Lugo); Forno do Calviño (San Cristovo de Cea); Sieira Charlín (Ribeira, A Coruña, 1884) e Panadería Central (Buño, Malpica).

 

 

Tamén lle foron outorgados galardóns a Celestina Martínez, de O Parrulo (Ferrol), na categoría Cociña; na categoría Sala, o premiado foi Berto Domínguez, á fronte do mítico restaurante D’Berto (O Grove); na categoría Viño, o premio foi para Joaquín Álvarez “Quin”, de O Rosal; en canto á categoría Produtor, no caso de Mar, o recoñecemento recaeu en O Peirao – Federación Galega de Redeiras Artesás (Malpica de Bergantiños), mentres que no apartado Rural o premiado foi Jesús Simal Gándara.

Galicia Fórum Gastronómico pechaba a súa décima edición lembrando que volverá en marzo de 2027 e reafirmando, en palabras da súa directora, Ana Trevisani, o seu compromiso “de mostrar a riqueza do produto, visibilizar o labor dos produtores e das empresas do territorio galego, e o talento dos nosos cociñeiros”, así como de “traer a Galicia empresas e cociñeiros de ámbito internacional”.

“O noso obxectivo é que o Fórum siga sendo o gran escaparate do sector Horeca e un xerador de negocio para as empresas galegas”, sinalou, “e empezaremos a traballar xa en breve para conseguilo”.

Galicia Fórum Gastronómico despediuse esta tarde coa satisfacción de superar as súas expectativas, ao rexistrar unha afluencia de máis de 23.000 visitantes.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button