
A Zona de Especial Conservación (ZEC) Canón do Sil é un espazo protexido que mostra unha elevada afluencia de visitantes e que vai en aumento. “No municipio de Parada de Sil obsérvase non só un aumento do número de persoas que acoden a coñecer o Canón, senón tamén se identifican impactos e conductas incompatibles coa súa conservación. Como parte do interese do Concello polo coidado dos seus espazos naturais, estase a desenvolver unha campaña de sensibilización ambiental que poñe en valor este espazo natural protexido da Rede Natura 2000 e difunde un conxunto de boas prácticas para as actividades que se desenvolven na natureza dirixidas tanto á poboación local e como aos visitantes”, explican dende o Concello de Parada de Sil.
Desta maneira, esta administración local contribúe ao fomento dos bos comportamentos que eviten o deterioro ambiental do Canón do Sil, promovendo a conciencia ambiental da poboación local, do sector turístico local e dos visitantes”.
Nesa liña, o Concello de Parada de Sil organiza, para o próximo día 28 de marzo, venres, ás 11:00 da mañá na sala de usos múltiples do edificio municipal, a presentación dunha campaña de sensibilización que se está a elaborar no marco das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.
A esta presentación, o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, anima a asistir á veciñanza e tamén aos emprendedores que teñen negocios no municipio xa que eles deben ser un instrumento fundamental na difusión destas boas prácticas que contribuirán a manter a paisaxe cultural e ambiental obxectivo no que este concello leva traballando arreo dende hai anos. Tamén se convida aos concellos limítrofes, dado que as boas prácticas son extensibles a calquera dos espazos naturais.