
O vindeiro sábado día 11 de xaneiro ás 19,00 horas, no salón de plenos do Concello de Parada de Sil terá lugar a presentación do libro: “Rumbo a la salud ambiental planetaria y a un mundo nuevo: las claves para afrontar las grandes amenazas del siglo XXI”, do que é autor o investigador Francisco Peña. O acto contará coa presenza do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, e coa participación de Eleuterio Martínez Alcántara, científico e investigador, expresidente da Academia de Ciencias da República Dominicana.
Nesta ocasión, dita presentación ten un aliciente moi especial para os habitantes da Ribeira Sacra, xa que a panorámica espectacular do canón do Sil que se pode contemplar desde o miradoiro da Columna en Parada de Sil, corazón da Ribeira Sacra, protagoniza a contraportada do libro, ademais de dedicarlle no seu interior o artigo: “Todo o meu apoio á Ribeira Sacra para que sexa declarada patrimonio da humanidade”, sinala Peña.
Ao longo desta obra, o autor propón unha viaxe polos desafíos e ameazas ambientais “máis perentorios do noso tempo e convídanos a reflexionar sobre a contaminación atmosférica urbana, o cambio climático, a perda de biodiversidade, construír cidades saudables, sostibles e resilientes, a economía circular aplicable á sustentabilidade das augas e á xestión dos residuos, a imperiosa necesidade de avanzar cara a unha transición enerxética e o impulso das renovables, como minimizar o risco de pandemias, e outros problemas que ameazan o noso planeta e a nosa saúde”, segundo o Peña, que tamén achega “as claves e solucións innovadoras para construír un mundo novo, un futuro máis saudable e sostible para as vindeiras xeracións”.
O autor insiste na importancia de apostar por un novo concepto de saúde baseado na prevención, nos estilos de vida saudables e sostibles, e no coidado da contorna.