ConcellosParada de SilÚltima hora

Parada de Sil acollerá o 25 de abril unha xornada técnica sobre o espazo Rede Natura Canón do Sil

Será un foro de participación tanto de profesionais especializados na conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico como de representantes do sector privado vinculado ao turismo e das administracións

O vindeiro 25 de abril terá lugar en Parada de Sil unha xornada técnica sobre o espazo da Rede Natura 2000 do Canón do Sil. O evento será o escenario de presentación dalgunhas das actuación que o consistorio vén realizando nos últimos meses no seu territorio co obxectivo de contribuír á conservación dos seus valores naturais, á mellora do coñecemento do espazo protexido e ao fomento das boas prácticas na súa visita.

Ademais, a xornada será un foro de participación tanto de profesionais especializados na conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico como de representantes do sector privado vinculado ao turismo e das administracións que contan con competencias de actuación no territorio ligado ao Canón do Sil no concello de Parada de Sil.

Terán lugar varias presentacións de diferentes especialistas e desenvolverase unha mesa redonda, trala cal ofrecerase a oportunidade de gozar dun pequeno paseo guiado polo espazo da Rede Natura 2000 a cargo de varios dos profesionais participantes.

A entrada é libre e gratuíta pero é preciso inscribirse para participar no paseo, por cuestións de seguridade. A inscrición realízase a través dun formulario accesible na seguinte ligazón: https://cvpvr9l44d4.typeform.com/to/CrBPaqMs

Esta xornada está organizada polo concello de Parada no marco das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, co financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), dentro do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.

O alcalde Aquilino Domínguez anima ós alcaldes do Canón a asistir, dado que as prácticas e os valores da paisaxe, son replicables en moitos concellos.

 

 

 

Back to top button