En Parada de Sil existen dúas rutas de sendeirismo homologadas pola Federación Galega de Montaña que atraen a un número importante de visitantes ó longo de todo o ano, o PR-G98 Canón do Sil-Santa Cristina que pasa por distintos lugares de alto interese como o Mosteiro de Santa Cristina, o miradoiro de Os Balcóns de Madrid ou o castiñeiro de Entrambosríos, declarada árbore singular.
A outra ruta, tamén circular de 16 km, é a do Canón do Mao que tamén pasa por lugares de alto interese como a Fábrica da Luz, a Pasarela do Mao, necrópole de San Vítor de Barxacoba e aldeas de montaña como Forcas e A Miranda.
Os traballos que se están a levar a cabo pola empresa Pangea (axudicataria da obra a carón dunha subvención non competitiva de mellora de infraestruturas turísticas) mellorarán a sinalización e a seguridade de camiñantes.
Na primeira das rutas repintaranse todos os sinais preceptivos da homologación e na segunda é terán lugar “as obras máis importantes xa que se modificará o trazado en Forcas para evitar problemas cós mastíns que coidan o gando, estase a limpar toda a canle vella para que os paseante poidan ir todo o tempo pola mesma sen correr risco de subirse ó lateral para o que se quitaron as planchas de formigón que impiden en determinados momentos o paso, así como en Barxacoba farase un pequeno desvío para que se poida visitar a desembocadura do Mao no Embalse de Santo Estevo”, segundo explica o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.
Esta obra que rematará en poucos días, tal e como apunta o rexedor, “é moi importante para a seguridade dos visitantes e tamén para evitar que se perdan nalgún momento pola sinalización xa un pouco borrosa nalgún tramo. Xunto coas adegas, as castañas e o gando, o turismo é hoxe un motor de desenvolvemento e de creación de postos de traballo en Parada de Sil”.

