
A través dunha subvención concedida pola Consellería de Medioambiente e Cambio Climático para municipios situados dentro da Reserva da Biosfera, o Concello de Parada de Sil obtivo unha axuda de 24.494, 48 euros. Este municipio forma parte do territorio da Reserva d Biosfera da a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, espazo composto por 18 concellos de Lugo e cinco da provincia, declarada en setembro de 2021.
O proxecto, presentado por importe de 29.638,32 euros, “foi aceptado”, segundo indica o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; quen tamén explicaba que o seu obxectivo é a “recuperación de elementos representativos da etnografía tradicional que permitan manter a paisaxe agraria, social e cultural do concello, así como que perdure a memoria para as xeracións vindeiras mantendo o patrimonio rural construído”.
En concreto coa intervención repararanse dous hórreos que están xuntos no núcleo de Caxide e repararanse dúas fontes e unha laga nas aldeas de Rabacallos, Chandrexa e Barxacoba, fonte esta última moi antiga e en estado lamentable. Neste caso limparanse os paramentos interiores e exteriores, impermeabilizarase a fonte e mellorarase tanto a traída de auga como o desaugue.
Dende o Concello sinalase que se seguirá nesta senda de recuperar patrimonio deteriorado ou a piques de desaparecer para manter a memoria.