
Aproveitando unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, o Concello de Parada de Sil, situado na ZEC (Zona de especial conservación), “fai unha importante aposta pola conservación da paisaxe investindo 36.179 euros dos cales a consellería aporta 29.900”, tal e como se destaca dende esta administración local.
Sendo conscientes de que a recepción de visitantes é un feito desexable “xa que aporta moitos beneficios como intercambio de culturas, creación de emprego nos negocios e mesmo mantemento da poboación, tamén unha elevada afluencia pode xerar impactos, polo que o concello pretende actuar tamén nesa dirección”, segundo indica o grupo de goberno local.
Así, co obxectivo de manter e mellorar o estado dos hábitats prioritarios da ZEC, estudarase o impacto actual sobre os mesmos contando con actores locais, ós que se entrevistará individualmente, establecendo uns puntos de control dos impactos así como unas pautas para mitigalos. Hai que ter en conta que no concello hai catro tipos de hábitats prioritarios de interese comunitario, sinala o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.
Por outra banda farase un inventario de árbores que reúnan as características para poder se consideradas como senlleiras no ZEC Canón do Sil, e unha vez feito o inventario cada árbores terá unha ficha que entre outras cousas permitirá unha correcta xestión das mesmas, sensibilizando tamén á veciñanza.
“Este traballo permitirá que o Castiñeiro de Entrambosríos non estará só. Entre outras actuacións realizaranse 4 vídeos de 30 segundos para difundir en redes sociais, así como un manual de boas prácticas para difundir on line en QR salientando os valores xerais de Rede Natura 2000 e os particulares do concello de Parada de Sil”, indica o alcalde de Parada de Sil.
Este manual con pautas de comportamento para nos espazos protexidos tamén será posto ó dispor das empresas de cadea de valor turística e comercial do concello pretendendo que elas mesmas se convertan en embaixadores e gardiáns do territorio. Tamén se presentará a campaña a poboación local e o sector turístico. Unha vez máis, afírmase dende o concello estamos camiñando na boa dirección de conservar e protexer a paisaxe .