OurenseÚltima hora

Parada de Sil homenaxeará na celebración das Letras Galegas ao investigador e veterinario Francisco Javier Carballo

Cedida.

 

Francisco Javier Carballo García, doutor en Veterinaria e investigador, será homenaxeado o vindeiro 16 de maio en Parada de Sil con motivo da celebración das Letras Galegas. Este acto abrirase ás 11:30h. no salón de actos do Concello coa intervención do alcalde, Aquilino Domínguez, e do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Deseguido, actuará a Coral Capela Madrigalista e, xa ás 12h., proxectarase un vídeo que repasará a traxectoria vital do galardoado. Despois, darase paso á laudatio a cargo do deputado autonómico Juan Manuel Casares Gándara. Para as 12:45h. está prevista a intervención de Francisco Javier Carballo.

Esta celebración das Letras Galegas servirá tamén para entregar os premios do XIV Concurso de Microrrelatos Concello de Parada de Sil-Ribeira Sacra, cun notable éxito de participación. Nesta edición recibía 908 microrrelatos, dos que 636 procedían de España (de todas as comunidades autónomas e Ceuta e Melilla). A entrega concluirá cunha nova actuación da Capela Madrigalista.

Despois, ás 14h. está prevista a colocación dunha placa conmemorativa na casa do homenaxeado. O programa da celebración completarase en Parada de Sil con petiscos, acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra.

Francisco Javier Carballo nacía na Casa do Vento (Parada de Sil), en 1961. A data escollida para esta celebración será o 16 de maio e contará cun programa que se encetará ás 11:30h. na Casa Consitorial.
Carballo García estudaba bacharelato no Colexio dos PP. Salesianos en Ourense e en 1979 trasladábase a León para formarse en Veterinaria, acadando o premio extraordinario de licenciatura e o segundo premio nacional de finalización de estudos dese curso académico. O seu expediente sitúase na actualidade entre os tres mellores da historia da Facultade de Veterinaria de León. Tamén alí doutorábase e logo inciaba unha serie de traballos de investigación no Institut National de la Recherche Agronomique (INRA), na Station de Recherches Laitières, Jouy-en-Josas, París (Francia).

Dende 1991 imparte clases de de Tecnoloxía dos Alimentos na Facultade de Ciencias de Ourense (Universidade de Vigo), onde coordina un grupo de investigación que desenvolveu máis dunha trintena de proxectos. É autor ou coautor de máis de 200 artigos publicados na súa maioría en revistas internacionais de prestixio. Entre outros cargos e actividades relevantes, foi presidente do Grupo de Microbioloxía dos Alimentos da Sociedade Española de Microbioloxía (2008-2016) e membro do Consello Asesor do Sergas (2014-2024).

Back to top button