
É moito e moi variado o patrimonio do que pode presumir o concello de Parada de Sil, pero se hai un edificio que destaca na contorna é o mosteiro benedictino de Santa Cristina de Ribas de Sil. En plena Ribeira Sacra ourensá e declarado BIC en 2008, o conxunto monumental e espiritual está encravado nunha “espectacular e grandiosa paraxe a carón do río Sil, no souto de Merilán, por debaixo do monte Varona”, segundo a información do propio Concello de Parada de Sil. Un concello que, con Aquilino Domínguez á fronte, segue traballando para poñer en valor o mosteiro e todo o que representa, como parte da súa historia pero tamén como foco de atracción turística.

E neste fermoso templo será onde, fiel á tradición, o domingo 13 de xullo se celebre a Romaría de San Bieito, unha conmemoración entre relixiosa e lúdica recuperada hai xa uns anos, que salvo os da pandemia se celebra por todo o alto, cun programa sinxelo pero moi completo, nun entorno privilexiado.

Para as 13 horas está prevista a misa con procesión cantada un ano máis pola Coral Aqua Música. A sesión vermú tralos cultos correrá por conta da charanga Bandiños Band.

Tras a sesión vermú, a festa continuará na localidade de Castro, no Camping Canón do Sil, con música (de 18 a 20:30h.). Ese día o menú de San Bieito terá un prezo de 18 euros e incluirá mexilóns ao vapor, lacón á galega, tenreira guisada con patacas, torta da avoa, bebidas e café.
Fotos: O SIL.
