Un ano máis o Concello de Parada de Sil celebra o Día Internacional da Muller trasladando as actividades ao día 14. Están programadas distintas accións nas que participaron e se implicaron distintas persoas do concello para facelo máis participativo, a dicir do alcalde Aquilino Domínguez, que anima ás mulleres a “seguir defendendo os logros acadados para non voltar atrás impulsados pola ideoloxía de ultradereita de Vox e asumida polo PP”.

Ás seis da tarde Sabela Rodríguez presentará o acto explicando “por qué se celebra e o que era un día reivindicativo e festivo polos logros acadados pola loita das mulleres ao longo da Historia, hoxe está en perigo”, avanzan dende o Concello, engadindo que tamén explicará os criterios polos que se seleccionaron ás mulleres que aparecen no documental que se proxectará a continuación da súa intervención.
Mulleres xoves e maiores, xubiladas e activas en ámbitos moi dispares. Adegueiras, coidadoras de maiores, gandeiras ou inmigrantes, tanto adultas como cativas que explicarán “porqué viñeron a Parada e continúan aquí”, din dende o Concello, agradecemnto o labor da ANPA Os Noviños e a Leticia e Soraya a súa implicación nesta celebración, xa que elaboraron uns xabóns que entregarán ás traballadoras e usuarias do Xeriátrico Luces do Sil e un chaveiro conmemorativo do día para todos os asistentes ao acto.
