
“Creo que xente que xamais estivo en Galicia, vai querer probar viños galegos”. O Master of Wine Pedro Ballesteros resumía con estas palabras as dúas xornadas de cata nas que analizaba un total de 232 viños das cinco denominacións de orixe de Galicia: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas.
Ballesteros destacaba a “personalidade propia” dos viños de cada D.O., xa que “hoxe por hoxe, é difícil pensar se existe algo común entre os viños galegos, a parte da gran calidade e gran orixinalidade”. No desenvolvemento da cata, organizada por Acruaga (Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia) no Pazo de Quián, Boqueixón (A Coruña), destacaba as “diferentes formas de expresarse” de moitos produtores que teñen “un gran coñecemento e unha gran creatividade”.
Ballesteros destacaba no sector galego “o privilexio de ter esa xente que traballa nun sector de alto valor engadido e que nos está sacando sempre novas sorpresas que paga a pena apreciar”. En xeral, cualificaba estas dúas xornadas en Galicia de “moi interesantes”.
O valenciano Pedro Ballesteros é enxeñeiro Agrónomo e Máster en Viticultura e Enoloxía. Obtivo o Diploma WSET con distinción e foi nomeado en 2010 Master of Wine – un dos maiores recoñecementos na industria do viño –, converténdose así no primeiro español en conseguir a prestixiosa titulación.
Pedro Ballesteros MW escribe para as publicacións vinícolas máis prestixiosas de España, Bélxica, Reino Unido e Italia, traballando en catro idiomas. É membro da Gran Orde de Cabaleiros do Viño, entre outros honores. Estudou nas rexións vinícolas de Xerez, Rheingau, Borgoña, Napa e Burdeos, e preside algún dos mellores concursos internacionais de viños, como DWWA de Decanter, 5Stars de Vinitaly, Concours Mondial Bruxelles e Bacchus.
Activo nos campos de promoción e educación, Ballesteros é membro do Consejo del Instituto de Masters of Wine, da xunta directiva da Unión Española de Catadores, o Consejo de la Federación Internacional de Periodistas del Vino e o Comité Vino del Basque Culinary Centre, entre outras institucións. Tamén é experto nacional para España na Organización Internacional de la Viña y el Vino (OIV).