CulturaCulturaÚltima hora

Penas do Castelo en Salcedo (A Pobra do Brollón), un castro inexpugnable e dos máis antigos de Galicia

Dúas das tres sondaxes escavadas nesta campaña ían orientadas a tratar de detectar o acceso ao xacemento e ambas tiveron éxito, localizando así dúas entradas relacionadas que crean un acceso realmente monumental

 

A segunda campaña arqueolóxica desenvolvida en Penas do Castelo en Salcedo (A Pobra do Brollón) reforza a monumentalidade deste xacemento. A intervención, financiada pola Xunta de Galicia, dá continuidade a unha primeira escavación o ano pasado na que se conseguiu datar este asentamento no século IX a.C., resultando un dos castros coñecidos máis antigos de Galicia e por tanto, crucial para entender as orixes da Idade do Ferro no noroeste peninsular.

Un dos grandes obxectivos da presente campaña de escavación era atopar o acceso a un xacemento tremendamente complicado pola súa situación en ladeira e totalmente protexido grazas aos cantís sobre o río Lor e unha muralla de seis metros de ancho e máis de catro de alto nalgún punto.

Dúas das tres sondaxes escavadas nesta campaña ían orientadas a tratar de detectar o acceso ao xacemento e ambas tiveron éxito, localizando así dúas entradas relacionadas que crean un acceso realmente monumental.

A primeira sondaxe fíxose nun muro exterior, situado fóra da muralla principal. Tras a escavación comprobouse que o muro era máis ancho do que inicialmente parecía, resultando ser unha primeira muralla defensiva de case un metro de grosor. Na propia sondaxe localizouse unha entrada a un recinto intermedio entre as dúas murallas.

 

 

A segunda sondaxe practicouse nunha zona onde a muralla principal facía unha pequena plataforma chaira, o que fixo sospeitar aos arqueólogos. As sospeitas fixéronse certezas toda vez que apareceron as dúas caras dunha entrada monumental de tres metros e medio de ancho e que dá acceso ao recinto principal do xacemento.

As dúas estruturas combinadas crean un acceso ao nivel de monumentalidade da muralla principal e que reforza a inexpugnabilidade deste misterioso xacemento.

“Non existe ningún paralelo en Galicia,” sinala a arqueóloga Elena Taboada de Árbore Arqueoloxía. “En ningún caso, os poucos exemplos de castros tan antigos que coñecemos teñen este nivel de monumentalidade e petrificación,” engade.

 

 

Un fin de escavación con sorpresa

Na campaña tamén se escavou unha sondaxe nunha das terrazas interiores do xacemento, tratando de saber máis da funcionalidade do mesmo. Na campaña anterior o único que se atopara foran escouras de fundición e anacos de palla-barro. Na sondaxe deste ano localizáronse máis escouras e un nivel de palla-barro compacto ocupando toda a planta da sondaxe cunhas pedras chairas colocadas de xeito estruturado. “Non sabemos o que é porque necesitamos abrir máis superficie para aclaralo,” comenta Elena Taboada, “mais estamos no inicio dunha estrutura, posiblemente de combustión”.

Colléronse ademais dúas mostras do sedimento de palla-barro para poder datalo. “As datacións do ano pasado lévannos ao primeiro momento da construción da muralla, con estas datacións poderemos datar momentos de uso ou mesmo de abandono do xacemento,” continúa Taboada.

 

 

Nova campaña no vindeiro ano

Tras o remate da escavación o seguinte paso será finalizar a consolidación das estruturas que quedarán á vista e serán un recurso visitable polo público. Visitas guiadas e outro tipo de actividades divulgativas e comunitarias seguirán a facerse ao longo do ano relacionadas co xacemento e co patrimonio salcedao en xeral.

“Para nós o xacemento é un factor para crear comunidade, ademais dun recurso turístico e de coñecer mellor a nosa paisaxe e a nosa historia” apunta Marisa Defente, da directiva da Comunidade de Montes e Asociación Veciñal de Salcedo.

De cara ao ano que vén, a previsión é a de realizar unha nova campaña ampliando a zona da entrada de cara á posta en valor e ampliando tamén a sondaxe do interior para esclarecer esa estrutura e polo tanto a funcionalidade do xacemento.

Artigos relacionados

Back to top button