ConcellosQuirogaÚltima hora

Percorrendo Quiroga a través das voces de diferentes escritores e da música

Dentro do programa "Descubrir Quiroga" terá lugar unha singular ruta o vindeiro 19 de xullo

 

A nova ruta do programa de dinamización turística “Descubrir Quiroga”, será o “Roteiro Literario Musicado de Quiroga”. Esta nova actividade levarase a cabo o venres 19 de xullo e contará con relatos de Xosé Estévez, Celia Díaz e Ramón Vila, ademais da música de Xavier Blanco.

A través destas voces poderá descubrir a vida, a obra e a vinculación con Quiroga dos escritores Ánxel Fole, Ernesto Guerra da Cal, as irmáns Pura e Dora Vázquez, Manuel María, Eduardo Moreiras, Luís Losada e Uxío Novoneira. Este itinerario literario rematará  cunha degustación de viños na adega Val de Quiroga.

Os interesados en participar nestas actividades totalmente gratuítas, das que se da puntualmente información no instagran de turismo, turismo.quiroga, terán que anotarse na Casa de Cultura, ben persoalmente ou a través do correo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es antes das 13:00h do día anterior á realización da actividade.

O programa “Descubrir Quiroga”, organizado dende a Concellería de Turismo, en colaboración coa de Cultura e co apoio financeiro da Deputación de Lugo, conta con máis dunha ducia de actividades durante o verán. O pistoletazo de saída era o “Roteiro das fervenzas de Quiroga” realizado o pasado venres e este sábado día 13, con todas as prazas cubertas, levará aos participantes a descubrir o barranquismo en Campodola.

 

Back to top button