ConcellosÚltima hora

Pérez Alberti: “A Serra de Queixa posúe unha riqueza impresionante en materia de glaciarismo”

Augusto Pérez Alberti, catedrático ad honorem de Xeografía da USC, abría en Trives as Xornadas da Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia (SECS)

 

Pisaba a Serra de Queixa por primeira vez en 1977 para explorar os restos glaciares e periglaciares desta zona. “Quería ver o que se podía facer e a partir do ano 80 xa empecei a traballar en campo. O obxectivo era cartrografar todo o que había aquí e o que me atopei foi uns procesos glaciares espectaculares”, lembra Augusto Pérez Alberti, hoxe catedrático ad honorem do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Ese era o inicio dunha vinculación con esta serra, á que lle adicaba a súa tese doutoral (que iniciaba en 1979 e remataba en 1991), que mantivo ao longo de catro décadas, xa que a súa última publicación científica sobre ela saía á luz no 2022.

 

 

A súa investigación sobre este territorio, pero tamén a súa vivencia nel, compartida cos pastores da serra, compartíaa esta tarde na conferencia inaugural Xornadas da Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia (SECS), que se celebran en Trives baixo o título “Solos da Terra de Trives”. Abordaba as características xerais do conxunto da Serra de Queixa (que inclúe á comarca trivesa, pero tamén zonas de Viana do Bolo e Vilariño de Conso), explicaba como se articula o seu territorio, a súa xeomorfoloxía, a formación dos seus solos… “Hai unha riqueza impresionante en materia de glaciarismo na Serra de Queixa e podería aproveitar moito máis do que se está facendo”. Ademais apuntaba que sería interesante realizar “un estudo dos solos desta zona, que non hai”.

E, ademais, afondaba na súa experiencia ao traballar e investigar esta zona, poñendo en valor o pastoreo tradicional que el coñecía décadas atrás e que, co tempo, se foi perdendo.”Convivín moitos anos cos pastores, vin o que era a veceira, a ronda, tamén os conflitos que había entre aldeas polo tema do pasto… Iso, por desgraza, foi desaparecendo”.

 

 

A súa conferencia era precedida por acto inaugural no que interviñan a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, que presentaba ao ponente e tamén ao presidente da SECS de Galicia, Xosé Lois Otero, e agradecía a escolla de Trives como sede deste encontro científico. “Foi a propia sociedade quen chamou ao Concello e propuxo facer estas xornadas en Trives, nós non o dubidamos nin un segundo e as acollemos con toda a honra e con todo o entusiasmo polos estudos que van saír e polas eminencias científicas que temos hoxe aquí”, dicía. “Estas xornadas son importantes para a ciencia pero tamén para o noso territorio”, engadía.

Deseguido, Otero explicaba que un dos obxectivos do foro é “que a clasificación de solos sexa obxecto de debate” e que “estes eventos sirvan para que as futuras xeracións vaian vendo o solo e o perciban, que xurda esa vocación de querer coñecer o solo como entidade natural continúa é importante”. Finalmente, daba paso á conferencia inaugural.

 

 

O encontro reúne nesta fin de semana a especialistas de diferentes puntos de Galicia e entre os asistentes estaba tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que tamén acudía en calidade de xeógrafo. “Paréceme que son unhas xornadas son moi interesantes, de moitísimo nivel e é un luxo ter en Trives a un ponente como Augusto Pérez Alberti”, comentaba en declaracións ao Periódico O SIL.

O programa continuará na fin de semana con saídas desde a Estación de Montaña Cabeza Grande de Manzaneda, onde tamén se aloxan. Así, o sábado día 13 de xullo os asistentes realizarán a primeira, na que prestarán atención ás unidades do relevo da Serra de Queixa e a súa contorna, de Manzaneda a Trevinca, ademais da caracterización dos procesos glaciares e periglaciares visibles dende o pico Cabeza Grande de Manzaneda. O programa rematará o día 14 de xullo cunha visita ás proximidades do encoro do río Cenza e estudiarase o papel do glaciarismo na formación das áreas turbosas da serra.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button