CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Pola calzada romana da Via XVIII

Publicidade
40 participantes na II Andaina pola Via Nova, que cubría o treito entre Riocaldo e Sandiás

A Andaina pola Via Nova Romana cubría a súa segunda etapa este verán, xa en terras ourensás, os días 13 e 14 de setembro no sector Riocaldo (mansión de Aquis Ogeresibus)-Sandiás (Geminas), é dicir, entre as millas XXXIX-LXIX (dende Braga). Nela participaban unhas 40 persoas españolas (con presenza valdeorresa) e portuguesas que partían na mañá do día 13 de Baños de Riocaldo co fin de percorrer XIV millas (18 km) ata Portoquintela (Aquis Querquennis). Na segunda xornada o camiño seguía ata acadar Sandiás, o que supoñía un treito de XVI millas (28 km).

No decurso da ruta íanse intercalando paradas explicativas coa finalidade de interpretar os restos arqueolóxicos e o patrimonio que rodea a este itinerario romano. Os camiñantes tamén foron recibidos por diferentes autoridades locais, entre elas a alcaldesa de Sandiás, que lles amosou a igrexa parroquial, que é manuelina, e o centro de interpretación da lagoa.

“Resultou moi ben e o tempo tamén acompañou. O primeiro día foi espléndido, e no segundo, aínda que nos choveu, xa tiñamos andado, así que non nos incomodou. A idea é continuar coa andaina o vindeiro ano, sempre e cando, os tramos da vía estean limpos. A nosa intención é completar o percorrido da vía ata Astorga”, explica o profesor Antonio Rodríguez Colmenero, un dos promotores desta andaina, a través da Fundación Aquae Querquennae Via Nova e en colaboración cos concellos polos que pasa a calzada.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Juan Manuel Sobrado/ Pilar Alonso

Artigos relacionados

Back to top button