OurenseÚltima hora

A Policía Local de Ourense incorpora tres novos vehículos patrulla

Estes tres novos coches aumentan o parque móbil até 20 vehículos.

O Concello de Ourense vén de recibir tres novos coches patrulla para a Policía Local en réxime de arrendamento con mantemento, co que xa suman 20 vehículos para patrullar a cidade: “Cos tres que incorporamos agora, temos 5 coches habilitados para detidos, catro furgonetas de atestados máis unha cedida pola DGT, 7 motocicletas e catro turismos para os coordinadores de servizo, inspectores, realización de informes ou casos de violencia de xénero”, avanzaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación dos vehículos hoxe, 21 de abirl, na Praza Maior, acompañado polo concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos, e pola intendente xefe da Policía Local, María Barrera.

“Trátase dunha renovación necesaria”, dixo o rexedor, “porque unha parte importante dos vehículos teñen máis de 250.000 quilómetros e sofren avarías constantes, teñen moita antigüidade”. Cada vehículo conta, ademais, con dous chalecos antibala e mecanismos de reanimación cardíaca (desfibriladores), que serán instalados logo dun proceso de formación que se lles ofrecerá aos axentes.

“É un paso máis para tratar de mellorar o equipamento e as dotacións do corpo policial municipal, logo de que semanas atrás se aprobase a adxudicación do lote de vestiario e equipamento correspondente a chalecos de protección anti bala e anti coitelo”, lembraba Vázquez Abad. Sumados aos outros 6 que veñen na dotación dos coches novos fan un total de 38 chalecos: “Máis chalecos que persoal por quenda”, dixo o alcalde, “e a lei fala deles como medios de dotación colectiva”.

Os coches foron adquiridos en réxime de aluguer.

Artigos relacionados

Back to top button