Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Pontón reúne a todos os candidatos do BNG ás eleccións galegas no derradeiro día de campaña

Pide unha "mobilización masiva para que ningún voto do cambio se perda e apostar todo ao BNG votando con ilusión e con orgullo: Non imos fallar”

 

A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, lanzaba este venres unha mensaxe de esperanza a todas as persoas “que queren cambio en Galiza”, amosándose convencida de que “se toda a xente que quere deixar atrás quince anos de retroceso confía no BNG, o cambio vai ser imparable e faremos historia coa primeira presidenta coas mans libres para poñer por sempre os intereses dos galegos e as galegas, dende o diálogo pero tamén dende a firmeza”. “Non lles vou fallar!”, proclamou.

Pontón mantivo en Santiago un encontro con todas as candidatas e os candidatos do BNG a estas eleccións, encabezados por Mercedes Queixas na Coruña, Olalla Rodil en Lugo, Noa Presas en Ourense e Luís Bará en Pontevedra. Entre eles tamén estaban Secundino Fernández de Viana e Suso Vilasánchez do Barco. Foi un encontro no último día da campaña “máis intensa, emocionante e esperanzadora” no que a candidata fixo unha chamada á mobilización masiva o domingo, “porque cada voto é determinante, para que todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor se unan na papeleta do Bloque”.

Pontón insistía en que “non importa o que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”. De aí a importancia de que ningún voto do cambio quede na casa nin se perda. “Xogámonos moito máis que un goberno, o que nos estamos xogando é un cambio de ciclo, un gran cambio” para deixar atrás quince anos dun goberno “que está facendo que Galiza perda”, en poboación, cuns servizos públicos peores, con menos industria e emprego, máis emigración, menos oportunidades para a mocidade ou menos peso no Estado.

Pontón apelou a todos os galegos e galegas a acudir a votar o domingo “con ilusión” e “convencemento” e especialmente “a todas as persoas que aínda dubidan para que elixan a papeleta do BNG e poder así construír unha Galiza mellor para todos e todas”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button