OurenseÚltima hora

A Praza de Abastos porá en valor os seus produtos entre os máis pequenos

Grazas á iniciativa “Quere ao teu mercado”, farán visitas guiadas e concursos entre os clientes, así como xornadas animadas con charangas e espectáculos
No acto estiveron presentes varios membros da corporación municipal.

A Praza de Abastos número 1 de Ourense está de celebración. Baixo o lema “Quere ao teu mercado”, máis de 30 países celebrarán a posta en valor do comercio local dos mercados de abastos das cidades. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe, 19 de maio, no propio epicentro do produto fresco ourensán. Neste acto, o presidente dos comerciantes da Praza de Abastos, Emilio González “Milucho”, explicou que este ano vanse centrar nas novas xeracións. “O ano pasado xa nos visitaron 120 nenos dos colexios de Ourense e, este ano, esperamos recibir a 300”, dixo o presidente.

Nesas visitas que realizarán os máis cativos á Praza de Abastos “ensinarémoslles a coñecer as especies de peixe, a distinguir as froitas e as verduras e a que saiban cales son os cortes da carne e se é porco ou tenreira”, contou “Milucho”. Ao rematar o percorrido polos postos, farán unha visita aos antigos lavadoiros da cidade e, posteriormente, plantarán un pemento nun maceteiro “que poderán levar á casa”, explicou o presidente. Asemade, cada colexio plantará unha legume nun dos maceteiros da praza de abastos. Pero a cousa non remata aí, xa que tamén farán un concurso de debuxos, no que o gañador “escollido por un xurado profesional”, levará un lote de produtos da praza. O premio darase o 27 de maio no final de festa. Todo isto estará condimentado coa música de charangas e a actuación dun mago.

Pero os rapaces non son os únicos que poderán gozar desta campaña “Quere ao teu mercado” xa que, o 11 de xuño, todos os que estean presentes e mercando na praza de abastos poderán gañar un cheque de 300 euros para consumir nunha compra no mercado ourensán.

Tanto a Deputación como o Concello e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia participan desta actividade. O vicepresidente do executivo provincial, Rosendo Fernández, asegurou que é función da Deputación “pór en valor as prazas de abastos, mercados próximos e de produtos de calidade” e salientou, dende a súa condición de médico, que grazas á Praza de Abastos “teremos unha dieta cardiosaudable”. Pola súa parte, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, subscribiu as palabras do seu compañeiro e animou á xente a que merque no comercio local “porque mercar fóra é facer dano á nosa cidade e, por ende, ao noso tecido empresarial, xa que mercar aquí -na Praza de Abastos- é mercar aos nosos veciños”.

Jesús Vázquez, Sol Vázquez, Emilio González e Rosendo Fernández.

Finalmente, a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez, asegurou que dos 300 mercados españois que se sumaron a esta campaña, 97 son galegos, “estamos a falar de case unha terceira parte dos participantes”, dixo. A responsable da área de Comercio deulle os parabéns á Praza de Abastos número 1 de Ourense “por ter unha programación tan animada para estes días”.

No acto de presentación de hoxe tamén estiveron varios membros da Corporación Municipal.

Jesús Vázquez e Sol Vázquez xunto a uns comerciantes da Praza de Abastos de Ourense co cartel da iniciativa.

Artigos relacionados

Back to top button