OurenseÚltima hora

Ourense aspira a converterse en novembro na capital mundial do ano martiniano

A Deputación e o Bispado presentan o programa do primeiro congreso internacional sobre a figura do patrón San Martiño de Tours
De esquerda a dereita, López Quiroga, Baltar, Lemos e Martínez, esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
De esquerda a dereita, López Quiroga, Baltar, Lemos e Martínez, esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolleu esta mañá a presentación do programa que se desenvolverá o vindeiro mes de novembro no marco do primeiro Congreso Internacional sobre a figura de San Martiño de Tours. O evento aspira a converter a cidade das Burgas na capital mundial do ano martiniano. Así se puxo de manifesto no devandito acto, que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o bispo Leonardo Lemos, e os investigadores medievalistas da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga e Artemio Martínez.

Desenvolverase entre o 14 e o 18 de novembro e levarase a cabo en até catro escenarios distintos: no propio Centro Cultural Marcos Valcárcel, na Facultade de Historia do campus ourensán, no Liceo de Ourense e no Pazo de Vilamarín. Neles, os asistentes poderán participar en charlas, ponencias e coloquios impartidos por investigadores procedentes dos Estados Unidos, Brasil, Arxentina, Inglaterra, Francia, Hungría, Austria, Croacia e do panorama nacional.

Pero estas xornadas especializadas non só contemplan a visión teórica. Tamén ofrecen un compendio de visitas de estudo para pór en valor o patrimonio monumental. Deste xeito, haberá roteiros por Ourense, para coñecer de primeira man edificios como a catedral de San Martiño de Tours ou o Museo Arqueolóxico; tamén se poderá visitar a comarca de Celanova e Bande, con paradas no mosteiro de San Salvador e na capela de San Miguel, no Centro de Interpretación Aquis Querquennis e na igrexa de Santa Comba de Bande; de igual xeito, haberá visita de estudo á zona da Ribeira Sacra, onde os visitantes poderán coñecer o mosteiro de San Pedro de Rocas, o de Santo Estevo de Ribas de Sil ou o de Santa Cristina.

Esta iniciativa “é unha realidade grazas ao esforzo dos investigadores medievalistas”, explicou Baltar, que entende que con ela “facemos unha homenaxe ao noso patrón”. Pola súa banda, o bispo Lemos tamén fixo fincapé na importancia da actividade: “ten que enchernos de honra non só a Ourense, senón a Galicia e tamén a España”. No acto tamén se lembrou que a cidade das Burgas é un dos tres escenarios que este ano serven de homenaxe a esta figura, xunto coa propia localidade francesa de Tours e a capital de Bos Aires, mais os expertos apuntaron a que o que se levará a cabo aquí será “o máis internacional, o de máis relevancia e o de maior duración”.

Aqueles que desexen participar poderán facelo a través de dúas modalidades: libre e certificada. A asistencia ao congreso é de balde pero para os que desexen acudir ás visitas de estudo deberán aboar 10 euros en concepto de matrícula. A certificada permite obter créditos de libre configuración para a Universidade. O prazo para anotarse finaliza o 31 de outubro e poderá facerse a través da web www.depourense.es.

O congreso sobre San Martiño de Tours nace co obxectivo de enxalzar ao patrón de Ourense conmemorando o 1.700 aniversario do seu nacemento, analizando a súa figura e poñendo en valor o seu labor de “vertebración do territorio, dende o punto de vista relixioso, político e territorial”, subliñou López Quiroga. “Interesa porque é un modelo a seguir e a imitar de tolerancia e cooperación”, resumiu.

Está organizado pola Deputación de Ourense en colaboración co Bispado.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button